Os CIM da área territorial de Pontevedra seguen prestando atención por vía telefónica, telemática e mesmo presencial

A Xunta está a adoptar e reforzar as medidas e axudas destinadas á atención das vítimas de violencia de xénero durante o estado de alarma

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia coas representantes dos 17 CIM da provincia

Estes centros participaron no Plan de reforzo de atención a este colectivo e seguen a prestar atención por vía telefónica, telemática e mesmo presencial
 

Pontevedra, 28 de maio de 2020

Os 17 Centros de Información á Muller (CIM) da área territorial de Pontevedra participaron no Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero posto en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade para garantir todos os recursos de acollida a aquelas mulleres que os precisen durante a vixencia do Estado de Alarma.

Axudas, recursos e atención foron algunhas das cuestións avaliadas hoxe no transcurso dunha reunión por videoconferencia que mantiveron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, coas representantes dos Centros de Información á Muller e na que tamén quixeron coñecer as súas necesidades e achegas.

Coincidindo co confinamento, o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución pola que se ampliou en 600.000 euros a dotación presupostaria das axudas de pago único dirixidas a atender ás vítimas da violencia de xénero, que deste xeito suma 1,2 millóns de euros.

O Goberno galego segue mantendo todas as axudas e recursos do seu orzamento para atender ás vítimas, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o asesoramento psicolóxico, de asistencia social e xurídica dos CIM e, no seu caso, o funcionamento das casas de acollida.

Na nosa provincia permanecen operativos os CIM da Mancomunidade do Salnés, A Estrada, A Guarda, A Lama, Bueu, Caldas de Reis, Lalín, Marín, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Valga e Vilagarcía de Arousa.

López Abella e José Manuel Cores Tourís incidiron que tralo decreto do Estado de Alarma e o obrigado confinamento, unha das principais preocupacións do Goberno galego foi o aumento de risco para as mulleres vítimas de violencia de xénero, sobre todo para aquelas que conviven co seu agresor, por iso subliñaron “o servizo e apoio ofrecido polos CIM é fundamental. “Ante a pandemia de coronavirus, todos os centros están funcionando, prestando atención vía teléfónica e telemática e, mesmo, ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade”, explicaron a secretaria xeral da Igualdade e o delegado territorial.

Ademais, mantéñense totalmente operativos os centros de acollida ata completar capacidade e tamén se acordou reforzar a colaboración coa Rede galega contra a trata para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise do coronavirus.

O Plan de reforzo vixente inclúe, ademais, entre outras medidas, a ampliación do bono alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, ata poder chegar a asumir a Xunta o pagamento do 100% do alugueiro, para paliar o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.

Atención telefónica 24 horas

Tamén continúa activo o servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900 400 273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016. Ademais, opera con normalidade o asesoramento xurídico en liña e seguen operativas as terapias de apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.

Outro dos asuntos trasladados na xuntanza foi o feito de que o Goberno galego está a traballar no reforzo e reconfiguración dos programas de conciliación da vida laboral e familiar, apoiados pola Xunta, e que adquiren un papel esencial durante os próximos meses. A Administración autonómica estuda fórmulas, en colaboración cos concellos, para seguir prestando estes apoios, de xeito especial agora que hai unha progresiva reincorporación á actividade laboral de moitas familias

Imaxes relacionadas