Un total de dezasete empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora de firme en cinco estradas autonómicas da provincia da Coruña

A intervención, licitada por máis de 1 millón de euros, ten un prazo de execución de 4 meses e acometerase este ano

Actuarase nas vías AC-400, AC-404, AC-429, AC-444 e AC-419, ao seu paso polos concellos da Baña, Carballo, Cerceda, Laxe, Ponteceso, Santa Comba, Tordoia e Zas

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

Un total de dezasete empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme en cinco estradas autonómicas da provincia da Coruña, licitadas por un importe de máis de 1 millón de euros.

Actuarase nas vías AC-400, AC-404, AC-429, AC-444 e AC-419, ao seu paso polos concellos da Baña, Carballo, Cerceda, Laxe, Ponteceso, Santa Comba, Tordoia e Zas.

Estas intervencións terán un prazo de execución de 4 meses e o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acometer os traballos este mesmo ano 2020.

O contrato ten por obxecto a rehabilitación de firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada, coa finalidade de reforzar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios destas estradas.

Na estrada AC-400, Sigrás (N-550)-Muros, actuarase no tramo que vai do punto quilométrico 28+600 ao 62+500. Neste treito repararanse as superficies deterioradas da vía e procederase á reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras e barreira metálica
Na AC-404, Santa Comba-Baio (AC-552), os traballos de rehabilitación de firme realizaranse entre os puntos quilométricos 1+350-20+670. A actuación incluirá a reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras, sinalización vertical e obras de drenaxe.

As melloras previstas na estrada AC-429, Ponteceso (AC-424)-Laxe, que se desenvolverán desde o punto quilométrico 0 ao 11+710, comprenden a reparación das superficies deterioradas e a reposición das marcas viarias. Estes mesmos traballos son os que se realizarán na AC-419, Buño (AC-418)-Ponteceso (AC-424), desde o punto 3 ao 4.

Finalmente as tarefas previstas na AC-444, Negreira (Límite concello)-Ponte Failde (AC-406), comezarán no punto quilométrico 0+570 e chegarán ata o punto 10+910. Nesta vía ademais da reparación das superficies deterioradas, reporanse as marcas viarias, captafaros e bandas sonoras e obras de drenaxe.