Lete Lasa participa no encontro da UFEDEGA con Alejandro Blanco e sitúa ao deporte como unha ferramenta para vencer “as ameazas que nos axexan”

O ‘Encontro entre a UFEDEGA e o presidente do Comité Olímpico Español’ enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e UFEDEGA para o desenvolvemento de actuacións de formación, asesoramento e apoio ás federacións deportivas galegas

Santiago, 27 de maio de 2020-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na reunión celebrada na sala de videoconferencias da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) titulada ‘Encontro entre a UFEDEGA e o presidente do Comité Olímpico Español’. Esta iniciativa enmárcase no convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a UFEDEGA para o desenvolvemento de actuacións de formación, asesoramento e apoio ás federacións deportivas galegas.

O secretario xeral gabou “o vasto coñecemento e a amplísima experiencia de Alejandro Blanco na xestión deportiva” que, sen lugar a dúbidas, “servirán a presidentes e directivos das federacións deportivas galegas para contestar a moitas das súas preguntas nun período tan confuso como o que estamos a vivir”. Segundo o mandatario galego, o olimpismo que promove Alejandro Blanco como presidente do COE desde 2005, “pon sempre o deporte ao servizo do desenvolvemento harmónico do home, co fin de favorecer o establecemento dunha sociedade pacífica e comprometida co mantemento da dignidade humana”.

Non cabe ningunha dúbida, dixo, que “tras a experiencia que acaparamos nestes 75 días desde a declaración do estado de alarma, tanto a saúde como a dignidade humana son bondades que poderemos conseguir e mellorar mediante a práctica deportiva”. “Facendo deporte melloraremos a nosa saúde e a de toda a nosa sociedade para facernos máis fortes ante as ameazas que nos axexan”, sentenciou.

Na súa intervención o secretario xeral apuntou unha vez máis cara a coordinación e a colaboración entre todos os axentes do tecido deportivo para saíres desta crise e lembrou como o mesmo día que o COI anunciaba o aprazamento dos Xogos, “desde a Secretaría Xeral para ou Deporte enviamos unha comunicación a todos os deportistas galegos que se atopaban na carreira olímpica, ademais de poñernos en contacto directamente con eles para coñecer a súa situación e para indicarlles, como non podía ser doutro xeito, que o programa de axudas á preparación deportiva para os Xogos de Tokio segue plenamente vixente”.
 

Imaxes relacionadas