A Xunta ve imprescindible redobrar a aposta pola industria compatibilizando a actividade económica coa protección do medio ambiente e a seguridade laboral

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro telemático con representantes da Alianza pola Competitividade da Industria

Aposta por estimular a demanda, reducir os custos enerxéticos, potenciar a dixitalización, promover o acceso a novos mercados, incrementar a eficiencia da cadea loxística, novas medidas financeiras e a prevención
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro telemático con representantes da Alianza pola Competitividade da Industria na que subliñou que para a Xunta é imprescindible neste contexto económico redobrar a aposta industrial compatibilizando a actividade económica coa protección do medio ambiente e a seguridade laboral. “Precisamos medidas que consoliden o noso tecido para poder seguir crecendo e desenvolver unha economía sostible baseada na industria e compatible co medio ambiente”, explicou.

A Alianza representa sete sectores estratéxicos do tecido industrial español: automoción, alimentación, industria química e petrolífera, construción, siderurxia e industria do papel e cartón e representan 2,9 millóns de empregos e 280.000 millóns de euros en vendas. Conde destacou o valor engadido, a capacidade exportadora e de investimento en I+D+i que fan que a industria vaia xogar un papel tractor na recuperación económica.

Por iso, o conselleiro avogou por redobrar a aposta polo sector industrial estimulando a demanda –con plans renove ou incentivos á mobilidade eléctrica no caso da automoción; impulsando a construción a través de obra pública ou con campañas promocionais no comercio e hostalería-; reducindo os custos enerxéticos cun Estatuto para os consumidores electrointensivos que fixe un prezo estable e competitivo; potenciando a dixitalización; promovendo as exportacións e o acceso a novos mercados; incrementando a eficiencia da cadea loxística e da distribución; adoptando novas medidas financeiras e velando pola prenvenicón nos centros de traballo. Conde insistiu en que o sector industrial precisa certezas e confianza tanto no plano laboral, como económico, produtivo e da seguridade laboral.
 

Imaxes relacionadas