A Xunta achega esta semana 30.000 novas unidades de protección fronte ao coronavirus aos concellos da provincia de Lugo

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explica que en dous meses de repartos continuados o Goberno galego distribuíu 308.000 unidades aos municipios lucenses para a continuidade dos servizos básicos

Lugo, 27 de maio de 2020

A Xunta de Galicia realiza esta semana unha nova achega de material e equipos de protección individual (EPIs) fronte ao coronavirus aos concellos lucenses, distribuíndo nesta ocasión 30.000 unidades. En concreto, estanse entregando 16.800 máscaras cirúrxicas, 207 pantallas faciais, 12.300 guantes e 713 traxes e batas antisalpicaduras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que o Goberno galego leva dous meses realizando esta entregas periódicas que superan xa as 308.000 unidades de protección distribuídas, entre as que destacan 171.000 guantes, 127.500 máscaras e pantallas faciais, preto de 8.000 traxes e batas antisalpicaduras, e produtos de desinfección.

O material está sendo destinado para o seu uso, principalmente, nos servizos de Axuda no Fogar, Protección Civil e Policía Local, pero tamén noutros que resultan igualmente esenciais, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios

A Xunta colaborou dende o primeiro momento cos municipios ante as dificultades que tiñan para conseguir por si mesmos os elementos de protección que precisaban, especialmente nas primeiras semanas nas que o mercado estaba desabastecido. O Goberno galego puxo en marcha unha plataforma loxística para centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual e axilizar o subministro a todos os concellos.

Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e teñen en conta aspectos como a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.