Lete Lasa esixe ao CSD a elaboración dun protocolo específico para o deporte non profesional e unha norma clara sobre a aplicabilidade das franxas horarias

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de manter unha nova xuntanza virtual co Consejo Superior de Deportes na que volveu insistir unha vez máis nos intereses do deporte galego no proceso de desescalada que estamos a vivir.

O secretario xeral insistiu na equiparación dos deportes á hora da súa práctica -profesional, non profesional e federado- para evitar a diferenciación que está a facer o CSD e que amosa unha “realidade deportiva de primeira e de segunda categoría onde o deporte autonómico e a competición non profesional parecen estar no segundo grupo”. Neste sentido esixiu a reformulación do protocolo do CSD de volta aos adestramentos e a redacción dun protocolo específico para o deporte non profesional.

Lete Lasa reiterou a necesidade de eliminar canto antes o establecemento de franxas horarias para o deporte federado, unha petición xa solicitada en varias ocasións e avanzada polo acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do pasado sábado 16 de maio. Neste sentido e ante a evidente confusión xerada por normas contraditorias, o secretario xeral esixiu que se aclare a aplicabilidade das franxas horarias a día de hoxe con respecto ao deporte federado a través da súa normativa correspondente para evitar xerar aínda máis prexuízos á práctica deportiva.

Cómpre lembrar que as comunicacións e os acordos tomados pola Xunta de Galicia acadaron importantes rectificacións do Goberno central como a reactivación da caza e da pesca, confirmada na propia Orde do 16 de maio que xa permite a práctica de ambas.

Imaxes relacionadas