Un total de once empresas presentan as súas ofertas para a execución da mellora do firme na autovía Ferrol-Vilalba, no tramo que vai do enlace de Cabreiros á conexión coa A-8, en Lugo

A actuación foi licitada por preto de 1,3 millóns de euros e conta cun prazo de execución de 6 meses

A lonxitude total dos treitos nos que se actúa acada case os 15 km co obxectivo de mellorar as condicións de circulación na AG-64

A actuación permite rehabilitar a capa de rodadura para prolongar a vida útil do pavimento desta autovía, con actuacións complementarias como o repintado da sinalización horizontal e a mellora puntual da drenaxe

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

Un total de once empresas veñen de presentar as súas ofertas para a execución das obras de rehabilitación de firme na autovía Ferrol-Vilalba ao seu paso por Lugo, no tramo que vai do enlace de Cabreiros ao enlace coa A-8.
Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade foi licitada por preto de 1,3 millóns de euros e conta cun prazo de execución de 6 meses, a contar desde a formalización do contrato de adxudicación.
O obxecto desta actuación é a mellora das condicións de confort e comodidade mediante o reforzo de firme localizado da AG-64, entre os puntos quilométricos 42+500 e 55+900, sendo a lonxitude total dos treitos da actuación de preto de 15 quilómetros.
Máis en concreto, o contrato licitado recolle a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición do firme existente con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades.
Ademais, como actuacións complementarias executarase o repintado da sinalización horizontal e unha mellora puntual da drenaxe. Tamén se reporá a sinalización vertical na estrada LU-540.