Medio Ambiente traslada a súa colaboración coa organización da proba 'Tripla Coroa Illas Atlánticas' que se apraza a setembro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo esta mañá unha reunión coa directora deste encontro deportivo, que trasladou a decisión da organización de non celebrar a última travesía da proba, prevista para o día 5 de setembro deste ano

Vázquez Mejuto agradece o esforzo e a determinación desta resolución, xa que as modificacións técnicas necesarias para a realización e correcto desenvolvemento da proba con todas as garantías non estaban aseguradas

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá a colaboración do departamento que dirixe coa organización da proba deportiva Tripla Coroa Illas Atlánticas que se apraza a setembro de 2021. Así llo trasladou á directora da organización deste evento deportivo, Beatriz Alvariño, coa que mantivo unha reunión por videoconferencia para coñecer a situación actual da proba deportiva, que tiña previsto celebrarse o vindeiro 5 de setembro entre a illa de Ons e Combarro (Poio).

Tal e como lle trasladou Alvariño, a pesar que de que todo estaba preparado -pois a previsión era abrir as inscricións o pasado 1 de abril- a situación xerada pola pandemia da covid-19 e a incertidume sobre cando poderá retomarse a celebración de eventos deportivos ao aire libre, xustifican a decisión adoptada pola organización, que agora deberían adaptarse aos protocolos e medidas hixénico-sanitarias recomendadas.

Co obxectivo de garantir a seguridade dos participantes, organización, voluntarios, kayakistas e público asistente, deberían realizarse unha serie de modificacións a nivel técnico, para as que non terían o tempo necesario para poder asumir as mesmas. Asemade, a Tripla Coroa é unha proba que congrega a máis dun centenar de deportistas, moitos dos cales xa participantes nas probas anteriores, que proceden de distintos puntos da España e do mundo, polo que necesitan tempo para organizar os desprazamentos en avión, así como os adestramentos.

A Tripla Coroa das Illas Atlánticas é unha competición formada por tres probas deportivas que se celebran en tres rías diferentes (Vigo, Pontevedra e Arousa) e actualmente celébrase a súa segunda edición. A primeira proba desta segunda edición tivo lugar en 2018 e constou de 15 quilómetros, desde as illas Cíes ata a praia de Ribeira en Baiona. Foi completada por un total de 160 nadadores entre os 18 e os 70 anos. A segunda proba celebrouse en 2019, unindo a illa de Sálvora co municipio de O Grove. A proba pasou polo illote de Areoso, na Illa de Arousa, e contou cun percorrido de 19 quilómetros no que participaron máis de 160 nadadores e nadadoras de sete países.

Nese sentido, a conselleira reiterou unha vez máis o apoio da Xunta para poder celebrar a última travesía desta segunda edición que unirá Ons e Combarro, no Concello de Poio; aínda que haxa que esperar un ano máis.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a celebración deste tipo de eventos deportivos son un exemplo de garantía de equilibrio entre os usos e a conservación dos espazos naturais, como por exemplo o Parque Nacional das Illas Atlánticas; é dicir, é unha mostra da compatibilidade de usos, recollidos no Plan Reitor do Parque Nacional, e da preservación dos valores naturais que atesoura e que o avalan como parque nacional.

Imaxes relacionadas