Medio Ambiente instala unha pantalla de información meteorolóxica e de calidade do aire en Laxe

Esta instalación tecnolóxica mellora e amplía a información aos veciños sobre a calidade do aire, a meteoroloxía e avisos ante posibles fenómenos extremos

Esta pantalla súmase a outras 17 que xa están en funcionamento noutros concellos galegos

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de rematar a instalación dunha nova pantalla dixital para mellorar a información á cidadanía na calidade do aire, a meteoroloxía e avisos ante posibles fenómenos extremos en Laxe, fronte á Casa do Concello.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático levamos varios meses executando un proxecto de mellora de acceso á información meteorolóxica, que consiste na instalación e posta en marcha de 21 pantallas dixitais, co fin de mellorar a información á poboación no eido da calidade do aire e a meteoroloxía, así como facer públicos outros temas de interese e seguridade para a cidadanía como os avisos ante fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos da mala calidade do aire.

A instalación, posta en marcha, deseño da información e mantemento serán competencia da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, departamento que conta coa colaboración dos concellos seleccionados, para atopar e determinar a localización máis axeitada para a pantalla, así como os permisos para a instalación da mesma.

As devanditas pantallas, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Galicia 2014-2020, son instaladas e postas en funcionamento en varias cidades e pobos de Galicia, en distintos puntos de interese da nosa Comunidade.

Ademais das grandes aglomeracións que xa dispoñen de estacións de control da calidade do aire, engádense pantallas en lugares do Camiño de Santiago e da costa.

Os concellos seleccionados para a instalación destas pantallas foron Santiago de Compostela (2 pantallas), A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Monforte, Verín, Ribadeo, Baiona, Lalín, Porto do Son, Ribeira, Sanxenxo, O Grove, Foz, Fisterra, O Cebreiro, Sarria e Melide.

A información que proporcionan as pantallas é específica para o lugar, pero tamén para o tipo de localización, diferenciando a información de interese na costa (temperatura da auga, ondas, mareas...) ca do interior.

Imaxes relacionadas