A conselleira do Mar reuniuse hoxe con representantes das federacións de confrarías de pescadores e dos bateeiros

A Xunta propón a confrarías e bateeiros a ampliación do período de extracción de mexilla un mes no que quedarían excluídos 50 quilómetros de costa en toda Galicia

Tendo en conta as circunstancias e para o contexto actual, marcado pola crise do coronavirus e a escaseza de cría de mexillón, suxire excluír a extracción de mexilla por parte de ambos sectores en 16 zonas que suman un total de 50 dos 1.673 quilómetros das costas da Coruña e Pontevedra e que son sensibles para a extracción de percebe

Ofrece aos bateeiros a prórroga excepcional de extracción da cría do mexillón durante o mes de xuño, o que se viría a sumar a outras medidas extraordinarias xa postas en marcha este ano como son a opción de ampliar en 50 máis o número de cordas colectoras de mexilla en cada batea e a posibilidade extraela no interior dos espazos portuarios

Esta proposta será exposta agora polos representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros aos seus socios para a súa aprobación

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 26 de maio de 2020

A Consellería do Mar puxo enriba da mesa hoxe ante os representantes das federacións de confrarías de pescadores e das asociacións de bateeiros, unha proposta intermedia ás demandas de ambos co obxectivo de preservar a extracción de percebe e de mexilla e na procura da convivencia de ambos sectores. Tendo en conta as circunstancias, e para o contexto actual, marcado pola crise do coronavirus e a escaseza de cría de mexillón, a Consellería do Mar suxire a prórroga excepcional dun mes para a extracción de cría da mexilla en todo o litoral de Galicia a excepción de 16 zonas que suman 50 quilómetros dos 1.673 en total que suma o litoral das provincias autorizadas á explotación (A Coruña e Pontevedra) e que son sensibles para a extracción do percebe.

Esta prórroga viríase sumar a outras medidas extraordinarias xa postas a disposición dos bateeiros para que poidan cubrir a demanda de mexilla como son a opción de ampliar as cordas colectoras de mexilla nas bateas con 50 unidades máis por batea a maiores das 100 que se lle autorizan de maneira habitual e tamén a posibilidade habilitada a través de Portos de Galicia de extraer cría de mexillón no interior dos espazos portuarios. Así llo trasladou a titular de Mar aos representantes das confrarías e dos bateeiros durante a reunión mantida hoxe no Intecmar na que tamén estiveron as directoras xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto.

En canto ás zonas que se limitan á extracción de mexilla, Rosa Quintana, explicou que dez están na provincia de Pontevedra. Trátase de Costa da Vela, Illas Estelas, Punta Boi-Parador, Silleiro, Monte Lourido, Punta Orelluda, Portocelo-Agoeira, Cala da Cetárea, Punta Xinete e Loucenzas e Ribel. As outras seis, que están na provincia da Coruña, son Mera, A Torre, Roncudo, A Barca, Couso e Sagres.

Esta proposta -que agora os representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros deberán expor aos seus socios- realízase no marco dun contexto no que, subliñou a representante de Mar, “hai pouca abundancia de mexilla para os bateeiros e de especial necesidade para os percebeiros que, como consecuencia do coronavirus, non puideron traballar con normalidade”. Agora, subliñou a titular de Mar, “esperamos que tanto os representantes do sector bateeiro como os das confrarías acepten esta proposta, que reine a paz e que os dous sectores poidan convivir como levan facendo toda a vida, respectando os dereitos de ambos sectores, porque Galicia non se entende sen ningún deles”.

Esta reunión súmase a outras dúas mantidas este mes cos representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros de cara a mellorar a xestión da extracción da mexilla e do percebe e enmárcase no seguimento que está a realizar a Consellería do Mar neste eido e no contacto permanente que mantén cos bateeiros e percebeiros. O obxectivo é atallar as discrepancias que se rexistran entre ambos colectivos que coinciden en zonas de traballo, acadar unha solución que satisfaga a todas as partes e ao mesmo tempo a explotación responsable de percebe e de mexilla, dous recursos de grande importancia para Galicia.

Imaxes relacionadas