O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde participou esta tarde nun encontro telemático organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga)

A Xunta agradece ao sector bio o seu compromiso con Galicia, achegando respostas aos novos retos actuais e mirando ao futuro a través da nova estratexia 2021-2025

Conde apuntou que a Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía 2021-2025 dará continuidade á que se aprobou en 2016 para impulsar esta industria esencial para a Comunidade

Destaca que a súa elaboración vai ser un proceso aberto á participación de toda a comunidade biotecnolóxica galega para identificar as áreas de actuación e as accións prioritarias para o vindeiro período; entre elas, a crise sanitaria da covid-19

Di que o obxectivo será afianzar o camiño iniciado hai catro anos para que o sector biotech galego sexa quen de achegar respostas a outros retos como o cambio climático, o crecemento sustentable ou a seguridade alimentaria

Asegura que contar coas achegas de todo o ecosistema biotech galego permitirá, ademais, responder ás súas necesidades reais e incidir no obxectivo da internacionalización

Santiago de Compostela, 26 de maio 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, agradeceu hoxe ao sector biotecnolóxico galego o seu compromiso con Galicia e recoñeceu o seu esforzo por achegar solucións aos novos retos derivados da crise da covid-19. Así o manifestou nun encontro telemático organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga) para falar sobre a Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía 2021-2025.

Segundo dixo, dará continuidade á estratexia de impulso ao sector posta en marcha en 2016 e a súa elaboración vai ser un proceso aberto á participación de toda a comunidade biotecnolóxica galega para identificar as áreas de actuación e as accións prioritarias para o vindeiro período. Entre elas, engadiu, a crise sanitaria da covid-19.

Conde explicou que o obxectivo desta nova estratexia será afianzar o camiño iniciado hai catro anos para que o sector biotech galego sexa quen de achegar respostas a retos como o cambio climático, o crecemento sustentable, a seguridade alimentaria ou ás necesidades sanitarias derivadas da pandemia do coronavirus.

Nese sentido, recoñeceu que o sector biotecnolóxico está poñendo todas as súas capacidades ao servizo da saúde e da sociedade desenvolvendo diagnósticos e tratamentos para loitar contra a covid-19. Un traballo, dixo, que require do apoio de todas as administracións porque no horizonte está a busca dunha vacina.

O conselleiro engadiu que contar coas achegas de todo o ecosistema biotech galego para a redacción desta estratexia permitirá, ademais, responder ás necesidades reais do sector.
E, de igual xeito, seguir incidindo en factores como a internacionalización para identificar boas prácticas, aliñarnos coas políticas europeas en materia de innovación e financiamento e situar a biotecnoloxía galega á vangarda do que se está facendo en Europa.

Recollerá, dixo, os froitos do que se leva feito ata o de agora coa Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020. Unha estratexia que se puxo en marcha para maximizar o potencial do tecido empresarial biotech, impulsar o seu posicionamento como referente a nivel europeo, apoiar a súa capacidade para exercer un papel tractor sobre sectores tradicionais e atraer o interese doutras empresas e entidades de ámbito nacional.

Imaxes relacionadas