A Xunta leva enviadas case 1,6m de unidades de material de protección individual a 177 centros sociais da provincia de Ourense nun total de nove entregas durante o estado de alarma

En total, foron 433.530 luvas, 467.860 máscaras, 19.521 batas, 3.465 mandís, 26.100 gorros e 40.200 calzas, así como diverso material de produtos de desinfección e limpeza

Esta semana repartíronse 101.224 equipamentos, dos que 380 son batas doadas por Inditex, entre 106 centros de maiores, discapacidade, menores, xuventude, igualdade e inclusión

Ourense, 26 de maio de 2020

Desde que se decretou o estado de alarma, a Xunta de Galicia leva enviadas 1.591.357 unidades de material de protección individual a un total de 177 centros sociais da provincia de Ourense para loitar contra o coronavirus. En conxunto, foron 433.530 luvas, 467.860 máscaras, 19.521 batas, 3.465 mandís, 26.100 gorros e 40.200 calzas, así como diverso material de limpeza e desinfección (4.287 botes de xel hidroalcohólico e 2.044 garrafas de 5 litros de desinfectante).

Esta semana o Goberno galego enviou a novena partida de material a este tipo de centros integrada por 101.224 unidades de protección individual entre 106 centros. Así, repartíronse 45.600 luvas, 49.133 máscaras, 760 batas das que a metade foron doadas por Inditex, 118 mandís, 13 pantallas faciais, 2.300 gorros e 3.300 calzas. Este reparto tamén incluíu 404 botes de xel hidroalcohólico e 62 garrafas de 5 litros de desinfectante.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliña que o Goberno galego dende o inicio da declaración da pandemia quixo garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros na atención e coidado dos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus. Por iso, desde que comezou o confinamento para loitar contra a Covid-19 a Administración autonómica efectuou nove repartos de material de protección aos centros sociais de maiores, menores, discapacitados, inclusión, igualdade e xuventude.