Conde anima ás pemes e autónomos de Mos a dixitalizarse para saír reforzados ante o novo contexto económico

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou nun webinario organizado pola Asociación de Empresarios de Mos do Plan de dixitalización impulsado pola Xunta, que vai mobilizar 40 millóns de euros

Apunta a necesidade de seguir traballando ao lado dos sectores produtivos tanto para dotalos de tecnoloxía como para reforzar a solvencia e o crecemento

Na provincia de Pontevedra concedéronse 114 préstamos que permiten inxectar 7 millóns de euros en liquidez de maneira inmediata no tecido empresarial

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, animou hoxe na súa intervención na sesión telemática Novos retos ante a covid-19, organizado pola Asociación de Empresarios de Mos (Aemos), a que pemes e autónomos aposten pola dixitalización para saír máis reforzados da situación actual. O conselleiro, que informou das diferentes medidas activadas pola Administración autonómica para impulsar a reactivación económica, explicou que a través do novo Plan de dixitalización se van mobilizar 40 millóns de euros para impulsar a implantación das novas tecnoloxías e a Industria 4.0 no tecido empresarial galego.

Tal e como apuntou Conde, o novo escenario económico obriga ao tecido empresarial a acelerar a súa transformación tecnolóxica e a buscar novas oportunidades na dixitalización, e por iso, desde a Xunta se vai seguir traballando ao lado dos sectores produtivos cun dobre obxectivo: dotalos da principal ferramenta para seguir sendo competitivo e adaptar a súa cadea de valor ás novas circunstancias: a tecnoloxía; e reforzar a solvencia e o crecemento do tecido empresarial.

Neste segundo ámbito, fixo referencia o conselleiro á liña de préstamos de ata 200.000 euros para pemes e autónomos, da que a Xunta bonifica o 100% dos intereses. Na provincia de Pontevedra xa se contabilizan 114 préstamos concedidos por un importe de preto de 7 millóns de euros, que permiten que o tecido empresarial conte con liquidez inmediata.

Conde tamén apuntou que desde a Xunta se está a informar ao tecido empresarial sobre as diferentes medidas de prevención, a través das guías de recomendacións sectoriais elaboradas polo Issga, ao tempo que se repartiron preto de 4 millóns de máscaras entre pemes e autónomos. Entre outras medidas, tamén lembrou o programa para facilitar o cobro de anticipos aos traballadores afectados por un Erte que aínda non cobraron a prestación, ou a reactivación das obras públicas. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria referiuse ademais de forma concreta á situación do sector da automoción e a industria de compoñentes, cun peso importante no municipio de Mos, sinalando que estamos nun momento crucial para que Galicia saia mellor posicionada e continúe intensificando o seu potencial.

Imaxes relacionadas