A Xunta solicita o visto e prace de 979 familias da área de Vigo para recibir a bolsa de comedor durante a suspensión das escolas infantís

Como único requisito terán que estar ao corrente das súas obrigas tributarias e sociais e dar autorización á Administración autonómica para consultar os seus datos bancarios

Do total dos beneficiarios desta bonificación 402 familias pertencen á nenos e nenas inscritos en centros da cidade de Vigo

Vigo, 26 de maio de 2020

A Xunta solicitou a 979 familias da área territorial de Vigo o seu visto e prace para recibir a bolsa de comedor durante a suspensión da actividade desde o 16 de marzo nas escolas infantís por mor da crise sanitaria da Covid-19. Fíxoo mediante un correo electrónico no que se lles require como único trámite para percibila estar ao corrente das súa obrigas tributarias e sociais e unha autorización para consultar os datos bancarios.

A maior porcentaxe de beneficiarias concéntrase na cidade de Vigo, concretamente 402 familias das 979 que recibiron a solicitude, correspondentes ás escolas infantís da Rúa Palencia, Valadares, Bouzas, Caeiro, Relfas, Rosalía de Castro e San Paio. En canto ao Val Miñor son 154, das escolas infantís de Baiona, Gondomar e Nigrán. No Morrazo son 107 de Cangas (A Choupana e Hío) e Moaña.

En Mos, contabilízanse 83 familias beneficiarias dos centros de Coto Torrón, Porteliña e Veigadaña, e 73 en O Porriño (O Porriño e Torneiros). Completan o global as 38 familias de Salceda, 42 de Salvaterra, 14 de Soutomaior e 68 de Redondela.

Son beneficiarias desta bonificación as familias usuarias do servizo de comedor nas escolas infantís de 0-3 anos de titularidade autonómica, nunha praza concertada en escolas infantís privadas ou aquelas que perciben unha axuda de comedor a través do Bono Concilia. A contía concedida é unha compensación pola bonificación que tiñan concedida polo custo diario do menú nos días lectivos que estivo suspendida a actividade nestes centros.

Esta axuda permitirá ás familias vulnerables que xa viñan desfrutando dunha bonificación no custo de comedor, e da que se ven privadas a raíz da situación de emerxencia sanitaria, manter a correcta alimentación do seu fillo ou filla e evitar que este gasto de alimentación engadido afecte aínda máis a súa situación.

As familias que se beneficiaron dunha bonificación de comedor por ter unha renda mensual inferior aos 403 euros percibirán unha axuda de 2,5 euros ao día. Pola súa banda, as familias que contan con esta bonificación por dispor dunha renda mensual de entre 403 e 672 euros percibirán unha bolsa de 1,5 euros ao día.

O primeiro pagamento será o correspondente aos días lectivos transcorridos ata ese momento. Pode haber pagamentos sucesivos en función dos días que se suspendan en eventuais prórrogas.