A Xunta reabre a contratación de espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios con novas medidas que facilitan a programación

Permitiralles aos 40 concellos membros levar a cabo funcións e concertos en espazos abertos, en recintos non asociados a este circuíto ou no marco de festivais

Trasládanse os créditos orzamentarios para favorecer que os escenarios adheridos esgoten a totalidade das partidas consignadas en 2020

A flexibilidade de funcionamento neste programa para o segundo semestre do ano está recollida no Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

A Xunta de Galicia abre ata o 8 de xuño a convocatoria de espectáculos galegos cara á súa contratación para o segundo semestre de actividade anual da Rede Galega de Teatros Auditorios (RGTA). O novo chamamento ás compañías e artistas galegos faise cunha serie de medidas que flexibilizan a normativa deste circuíto de índole profesional, coa finalidade de recuperar todas as funcións que tiveron que ser suspendidas durante o estado de alarma e deseñar a nova carteleira ata decembro.

As novas medidas, aprobadas pola Comisión Técnica da RGTA e propostas aos 40 concellos titulares de espazos membros, forman parte do Plan de Reactivación dos sectores Cultural e Turístico aprobado pola Xunta e supoñen modificacións importantes na normativa habitual deste programa. Deste xeito, por exemplo, para facilitar a programación, permitiranse as actuacións ao aire libre durante os meses de verán, en escenarios pechados diferentes aos adscritos á Rede ou como parte de festivais, mostras ou certames organizados polas distintas localidades.

Estas accións póñense en marcha tralo peche forzoso dos recintos escénicos debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19 e para contribuír a minimizar o impacto económico que nas empresas culturais galegas está a ter a suspensión de funcións desde o pasado 14 de marzo no marco da RGTA. Con esta flexibilidade de funcionamento, agárdase que todos os espazos adheridos esgoten os créditos consignados para o ano 2020 dentro desta liña de programación, mediante o compromiso de recolocación de todas as funcións aprazadas.

Funcións consecutivas

Seguindo este obxectivo, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo fomentará a contratación de funcións consecutivas do mesmo espectáculo en cada espazo, incrementando as súas porcentaxes de achega nas segundas e terceiras funcións da mesma montaxe no mesmo escenario.

O prazo de inscrición de espectáculos e concertos permanecerá aberto desde hoxe e ata vindeiro 8 de xuño a través do web profesional www.galescena.gal. A convocatoria queda reservada a compañías de teatro e grupos musicais galegos, xa que para as formacións procedentes de fóra de Galicia prorrógase a selección que fora realizada para o primeiro semestre de 2020.

A partir do 9 de xuño, as persoas responsables da programación cultural dos concellos conformarán as súas carteleiras para cadanseus espazos segundo a oferta de espectáculos e concertos que finalmente quede configurada no catálogo en liña facilitado pola Agadic.

Imaxes relacionadas