A Xunta activa a plataforma de autoavaliación Comercio Seguro para que o sector transmita confianza á clientela

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nun webinario con comerciantes e autónomos da Coruña, aos que trasladou as medidas de apoio que a Administración autonómica ten en marcha para o colectivo

Hoxe publícase no DOG o Plan Renove de electrodomésticos e domótica, dotado con 1,75 millóns de euros, que ademais de impulsar o aforro enerxético permite reactivar o tecido comercial e empresarial

O Plan de dixitalización para pemes e autónomos mobiliza 40 millóns de euros para impulsar a súa competitividade no actual contexto económico

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun webinario con comerciantes e autónomos da provincia da Coruña, aos que trasladou as diferentes medidas de apoio que a Administración autonómica ten en marcha para o colectivo. No encontro telemático, Conde informou aos participantes de que a Xunta vén de activar a plataforma de autoavaliación Comercio Seguro, dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.com, a través da cal se achega ao sector as claves para garantir seguridade e confianza á clientela na volta á actividade, con diferentes recomendacións sanitarias e de prevención.

Na súa intervención o conselleiro tamén apuntou que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do novo Plan Renove de electrodomésticos e domótica enerxética, que conta cun orzamento de 1,75 millóns de euros e do que se poderán beneficiar máis de 9000 familias que aforrarán 270.000 euros ao ano na súa factura enerxética.

Tal e como informou Conde, as axudas tramitaranse a través dos establecementos comerciais, que se poderán sumar á iniciativa desde mañá e ata o próximo 30 de xullo. O prazo para presentar solicitudes comezará o 1 de xullo, no caso de renovación de electrodomésticos, e o 2 de xullo para a domótica enerxética, rematando en ambos os dous casos o 30 de setembro ou cando se esgote o crédito. Ademais de impulsar o aforro enerxético, a iniciativa permite impulsar a economía e xerar emprego, reactivando o tecido comercial e empresarial.

O conselleiro fixo fincapé en que o novo escenario económico supón que a dixitalización se volva imprescindible para a competitividade do tecido empresarial. Por iso, a Xunta pon en marcha o novo Plan de Dixitalización, que mobiliza 40 millóns de euros e que conta con apoios para a modernización dos establecementos comerciais e a venda en liña, a internacionalización dixital, o teletraballo ou medidas para impulsar os negocios que se desenvolven no medio rural, entre outros aspectos.

No encontro, que se enmarca no contacto permanente que mantén a Xunta co sector, o conselleiro recordou que se está acompañando aos comerciantes resolvendo as dúbidas no tocante aos protocolos de prevención, a través de guías sectoriais con recomendacións elaboradas polo Issga, e repartindo preto de 4 millóns de máscaras entre pemes e autónomos, das que 300.000 foron directamente para o sector do comercio. Ademais, desde o primeiro momento activouse un programa para achegar unha inxección inmediata de liquidez, a través da liña de préstamos de ata 200.000 euros, da que a Xunta bonifica o 100% dos intereses.

Imaxes relacionadas