A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha videoconferencia co equipo responsable destas obras para abordar a organización dos traballos

Reinícianse os traballos de reforzo de firme da autovía do Salnés coas medidas de protección necesarias e minimizando afeccións ao tráfico

As actuacións completan a renovación de firme iniciada no pasado verán e que tivo que ser interrompida no inverno por mor das condicións meteorolóxicas adversas

Os traballos consistirán na mellora do firme en máis de 9 km da calzada esquerda do tronco, na execución de xuntas de dilatación nas estruturas e no pintado

O pasado ano rehabilitouse o pavimento na calzada dereita en sentido Sanxenxo e en boa parte da esquerda sentido Curro, acadando un grado de execución do 65%

A intervención está organizada para evitar incidencias relevantes no tráfico, pero durante o estendido do firme serán necesarios desvíos que estarán sinalizados

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Reinícianse os traballos de reforzo de firme da autovía do Salnés coas medidas de protección necesarias e minimizando afeccións ao tráfico. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha videoconferencia co equipo responsable destas obras para abordar a organización dos traballos que hoxe se retoman.

No encontro constatouse, en primeiro lugar, que as actuacións se están a realizar coas necesarias medidas de protección da saúde dos profesionais para evitar contaxios pola covid-19.

Os traballos reactívanse hoxe logo de ter realizado a comezos de mes probas de adherencia, estendido e compactado no ramal de enlace de Meis e verificado que as condicións son favorables para garantir a calidade da actuación.

Cómpre lembrar que esta intervención completará a renovación de firme iniciada no pasado verán e que tivo que ser interrompida no inverno por mor das condicións meteorolóxicas adversas que impedían unha boa execución e condicionaban o resultado final da actuación.

As obras enmárcanse no acondicionamento do pavimento de toda a autovía do Salnés e dos seus ramais que debe realizar a concesionaria, coincidindo coa metade do período de concesión.

Os traballos que hoxe comezan concluirán a actuación, coa renovación do firme en algo máis de 9 km da calzada esquerda do tronco da autovía, a execución de xuntas de dilatación nas estruturas e o pintado definitivo.

Estes traballos súmanse aos realizados o pasado ano, cando xa se completara a capa de rodadura na calzada dereita en sentido Sanxenxo e tamén en boa parte da esquerda sentido Curro, acadando un grado de execución do 65%.

Vázquez Mourelle precisou que as obras están organizadas para evitar incidencias relevantes na circulación durante a súa execución. Non obstante, sinalou que para efectuar o estendido do novo firme será necesario realizar desvíos de tráfico que estarán debidamente sinalizados.

Imaxes relacionadas