Un total de once empresas presentan as súas ofertas para executar o reforzo de firme de dúas estradas en Carballeda de Valdeorras mellorando o acceso ás canteiras de lousa

Esta actuación nas vías autonómicas OU-122 e OU-123 foi licitada por máis de 1 millóns de euros e o obxectivo é acometer as obras este mesmo ano 2020

Trátase dunha intervención en dúas vías que abrangue desde a fronteira coa provincia de León ata Casaio

Os traballos céntranse nos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras de lousa, beneficiando a actividade económica na comarca

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Un total de once empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, ao seu paso polo concello de Carballeda de Valdeorras, que foron licitadas por máis de 1 millón de euros.

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun prazo de execución de 6 meses e o obxectivo é acometer os traballos neste mesmo ano 2020.

Esta actuación comprenderá intervencións na estrada OU-122, desde o punto quilométrico 16+400 ata o final da estrada na fronteira coa provincia de León, no 26+260; e na estrada OU-123 ao completo, desde a mesma OU-122 a Casaio.

Os traballos obxecto deste contrato prevén actuar en todo o ancho da plataforma das dúas estradas e consisten na mellora do estado dos firmes, con saneos profundos alí onde sexa necesario, limpeza de gabias e reperfilado de noiros. As obras incluirán o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento.

Con esta actuación, intervirase nos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras, polo que o firme sofre importantes cargas que obrigan a actuar sobre el para rehabilitalo. Trátase, polo tanto, dunha intervención que vai máis alá das obras de mellora de firme, sendo unha actuación fundamental para a actividade económica da comarca de Valdeorras.