A Xunta retoma a vindeira semana a actividade presencial dos Puntos de Encontro Familiar, Ciema e centros de día de menores

Esta medida beneficiará a 25 centros da nosa comunidade

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2020

A Xunta retomará a vindeira semana a actividade presencial dos Puntos de Encontro Familiar (PEF), dos Centros de intervención educativa en medio aberto (Ciema) e dos centros de día de menores, tras ser paralizada o pasado 13 de marzo por mor da declaración de emerxencia sanitaria. O protocolo de actuación xa foi trasladado aos centros nos que se contemplan medidas de prevención para evitar contaxios.

Esta reactivación beneficiará as familias usuarias dos sete PEF que existen na nosa comunidade. Os profesionais destes centros mantiveron durante este tempo un contacto constante cos usuarios para facer seguimentos, mediar e posibilitar contactos entre as nenas e nenos e os seus proxenitores ou outros familiares. O protocolo coas medidas preventivas contou co asesoramento das autoridades sanitarias e co visto e prace do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e procura asegurar o benestar de todas as persoas traballadoras e dos usuarios deste servizo.

Tamén os profesionais dos centros de día de menores mantiveron un contacto constante coas familias e as nenas e nenos para continuar cos apoios e achegas de alimentación, medicinas, material escolar e todo o necesario para que a súa situación mantivese a maior estabilidade posible. Os primeiros en iniciar a súa actividade serán os 13 centros que teñen instalacións exclusivas para a atención de día, é dicir, os que non compartan instalacións de acollemento residencial de menores en situación de tutela ou garda.

Por último, tamén se retomará a actividade nos cinco Ciema da nosa comunidade. Estes recursos non residenciais constitúen o equipamento de referencia para a execución de medidas non privativas de liberdade para aquelas mozas e mozos que cometen un ilícito penal. O horario establecido para os Ciema (de 8 a 20 horas) flexibilizarase en función do número de menores presentes e do persoal do equipo técnico que estea desenvolvendo a súa actividade no equipamento. A intervención presencial cos menores levarase a cabo de xeito gradual e sempre co acordo do xulgado competente.

Imaxes relacionadas