A conselleira do Mar reuniuse hoxe con representantes das federacións de confrarías de pescadores e dos bateeiros

A Xunta estuda coas federacións de confrarías e as asociacións de bateeiros a adecuación e definición das zonas de percebe e mexilla

As zonas costeiras analizadas serán expostas polos representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros aos seus socios para definir definitivamente aquelas nas que se poderá extraer mexilla ou non

A xuntanza de hoxe dá continuidade á mantida a semana pasada e na que saíu a proposta para o momento actual e como solución transitoria de preservar as zonas en discrepancia pola extracción común de mexilla e percebe

Rosa Quintana subliñou que a inmensa maioría do sector está traballando por ter unha explotación sustentable dos seus recursos e pediu ás persoas que están dificultando chegar a acordo que recapaciten e que decidan unirse a el

O obxectivo do acordo é atallar as discrepancias que se rexistran entre ambos colectivos que coinciden en zonas de traballo, acadar unha solución que satisfaga a todas as partes e ao mesmo tempo a explotación responsable de percebe e de mexilla, dous recursos de grande importancia para Galicia

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 21 de maio de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha nova xuntanza con representantes das federacións de confrarías de pescadores e dos bateeiros co obxectivo de estudar a adecuación e definición das zonas de percebe e mexilla. Un encontro, explicou a titular de Mar, no que a Administración galega e representantes de ambos colectivos estiveron “analizando gran parte da costa e mirando diferentes zonas” que os representantes das federacións de confrarías e das asociacións de bateeiros exporán aos seus socios coa finalidade de tratar de definir definitivamente a vindeira semana as zonas nas que se poderá extraer mexilla ou non.

Esta reunión, na que tamén estiveron as directoras xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, dá continuidade á mantida a semana pasada entre a Consellería do Mar e ambos sectores. Dese encontro saíu a proposta para o momento actual e como solución transitoria de preservar as zonas en discrepancia pola extracción común de mexilla e percebe. Coa vista posta no futuro, a Consellería do Mar e ambos colectivos acordaron tamén nesa xuntanza analizar as diferentes zonas de traballo dos percebeiros e as de maior abundancia de mexilla para avanzar na xestión responsable de ambas especies de xeito conxunto.

Tralo encontro de hoxe, Rosa Quintana pediu aos sectores bateeiro e percebeiro “que teñan a plena confianza de que os seus representantes están intentando buscar uns puntos de acordo no que saian gañando os dous sectores, no que saia gañando, en definitiva, Galicia”. Nesta liña, louvou o traballo que están facendo os presidentes das federacións de confrarías e os das asociacións de bateeiros “por intentar buscar eses puntos de acordo e poder seguir facendo unha explotación sustentable de mexilla e de percebe”.

Ademais a conselleira pediu calma e subliñou “que a inmensa maioría do sector está traballando por ter unha explotación sustentable dos seus recursos”. Neste sentido, tamén solicitou “a esas persoas que están dalgunha maneira dificultando a posibilidade de chegar a acordo que recapaciten e que decidan unirse ao acordo e traballar como sempre traballou Galicia, pois os dous sectores son un único sector”.

Esta reunión enmárcase no seguimento que está a realizar a Consellería do Mar sobre a extracción de mexilla e de percebe e no contacto permanente que mantén cos bateeiros e percebeiros co obxectivo de atallar as discrepancias que se rexistran entre ambos colectivos que coinciden en zonas de traballo, acadar unha solución que satisfaga a todas as partes e ao mesmo tempo a explotación responsable de percebe e de mexilla, dous recursos de grande importancia para Galicia.

Imaxes relacionadas