A Xunta traslada aos comerciantes e autónomos de Vigo as medidas de apoio ao sector para reactivar a economía

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou o esforzo da Administración autonómica por acompañar ao sector no momento de reabrir ao público

Dada a importancia que está cobrando a dixitalización, informou do plan aprobado pola Xunta, que vai mobilizar 40M€ para que o comercio, os autónomos e as pemes poidan acceder ás novas tecnoloxías

Este plan inclúe axudas por 4M€ para mellorar a imaxe dixital, a imaxe física, abrir novos establecementos, desenvolver novas fórmulas de comercialización como, por exemplo os pop-up, e adquirir equipamento

Ademais, destina 6M€ para promover a internacionalización do tecido empresarial galego e, como novidade, dos comercios polo miúdo

O Goberno galego tamén activou unha inxección inmediata de liquidez a través dunha liña de préstamos de ata 200.000 euros co 100 por cento dos intereses bonificados pola Xunta

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, mantivo esta tarde unha xuntanza telemática con comerciantes e autónomos para trasladarlles as medidas de apoio ao sector que a Xunta está poñendo en marcha para paliar os efectos da crise derivada da COVID-19 e impulsar a reactivación económica.

Segundo recoñeceu o conselleiro, a prioridade é traballar con anticipación e ir un paso por diante. Por iso, agora, tendo e conta a importancia que está cobrando a dixitalización, destacou o plan aprobado pola Xunta, que vai mobilizar 40 millóns de euros para que o sector do comercio, os autónomos e as pemes poidan acceder ás novas tecnoloxías. Así, o plan nace coa idea de facer que os comerciantes e autónomos galegos aproveiten todas as oportunidades que brinda a tecnoloxía para poder vender en tempo real 24 horas e 365 días ao ano.

Inclúe axudas por 4 millóns de euros para impulsar a modernización do comercio. Son para mellorar a imaxe dixital a través de páxinas web, promocións audiovisuais ou redes sociais; para mellorar a imaxe física; abrir novos establecementos; desenvolver novas fórmulas de comercialización como, por exemplo os pop-up; e adquirir novo equipamento.

Tamén destina 6 millóns de euros para promover a internacionalización do tecido empresarial galego e, como novidade, dos comercios polo miúdo. Será a través da convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital, que está en marcha cunha partida de 2 millóns de euros e que, agora, se reforza cunha nova convocatoria que sumará outros 4 millóns. Vai dirixido a pemes, comercios minoristas e autónomos que poderán acceder a apoios de ata o 80% para intensificar a súa presenza no mercado internacional a través do comercio electrónico.

Apoios de ata 100.000 euros por proxecto para a seleccións de mercados e canles de venda, para a elaboración de plans de mercado electrónico, asesoramento xurídico e legal, para a adquisición de software específico, a creación de tenda e catálogos en liña ou para campañas de posicionamento.

Acompañar ao sector

O conselleiro tamén indicou a importancia de acompañar ao sector no momento de reabrir ao público para tentar resolver as dúbidas relacionadas cos protocolos de prevención. Para iso, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) elaborou distintas guías sectoriais. E, ademais, a Xunta está desenvolvendo unha campaña para reivindicar o comercio galego como Comercio Seguro.

Xunto con isto, sinalou que para mitigar as consecuencias do cese de actividade, o Goberno galego activou unha inxección inmediata de liquidez a través dunha liña de préstamos de ata 200.000 euros para pemes e autónomos co 100 por cento dos intereses bonificados pola Xunta.

O conselleiro celebrou tamén que o Goberno atendese as demandas de Galicia e que, desde esta semana, poidan abrir os establecementos de máis de 400 metros cadrados limitando os seus espazos a esta superficie máxima. Tamén que, finalmente, exista o mesmo criterio para as promocións na tenda física que na tenda en liña. Ou mesmo que os Ertes queden, por fin, desvinculados do estado de alarma e se poidan acompasar ás necesidades das empresas. Unha flexibilidade, engadiu, que agora o Executivo debe trasladar tamén aos autónomos que cesaron a súa actividade.

Ao respecto, lembrou que a Xunta leva tempo pedindo concreción e certezas. Ao igual que protocolos claros, precisos e consensuados, ao considerar moi importante que o sector reciba unha mensaxe de confianza por parte das administracións para poder trasladar esa mesma seguridade e confianza ao consumidor.

Imaxes relacionadas