Un proxecto coordinado desde Galicia apunta ao uso de enerxía renovable e combustibles alternativos como chaves no futuro da construción naval

O Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar e coordinador do proxecto europeo MATES, presentará o venres nun seminario virtual os avances desta investigación coa que se busca impulsar a economía azul

O traballo realizado polos investigadores tamén destaca a dixitalización, a automatización e a robótica avanzada como outros aspectos a ter moi en conta para que a industria poida gañar en competitividade

O labor dos máis de 180 expertos que participan nesta iniciativa contribuirá a adaptar a formación dos profesionais do sector aos novos escenarios e aos retos que se presentan na súa actividade de cara ao futuro

Vigo, 20 de maio de 2020

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, presentará o próximo venres os avances acadados no marco do proxecto europeo MATES, para o impulso da economía azul, e que apuntan a que o uso de combustibles alternativos e de novas fontes de enerxía renovable serán claves para o futuro do sector da construción naval, especialmente no desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en sensores e redes intelixentes así como o uso de big data. Os progresos logrados polos investigadores daranse a coñecer durante a celebración do seminario virtual Fomento de la Economía Azul en el Atlántico: Estrategia de Formación y Capacitación a través da plataforma online Webex.

Esta investigación europea -que pretende analizar a evolución das tecnoloxías marítimas en Europa para elaborar un plan estratéxico que mellore a competitividade da industria a través dunha adecuación das formacións existentes- tamén destaca que no futuro terán un papel relevante na construción naval outros eidos como a dixitalización, a automatización e a robótica avanzada. Ante estas previsións, o obxectivo é poder adaptarse a estes novos escenarios impulsando a formación continua, en particular o emprego, e combinala con outros aspectos como as prácticas ou as mobilidades de carácter formativo.

Tendo en conta os resultados obtidos, o proxecto MATES deulle prioridade a 21 liñas de acción estratéxica para a capacitación do naval e da industria das enerxías renovables. Nese contexto está iniciando xa 11 experiencias piloto nas que se desenvolverán materiais didácticos, programas de capacitación e metodoloxías formativas ao tempo que se analizarán as vías para estender o uso dos principais resultados destas experiencias a outras rexións europeas co obxecto de promover a adopción dunha estratexia conxunta de formación na industria marítima europea.

O seminario que se celebrará o próximo venres entre as 11.00 e as 13.00 horas está organizado por National Hub Spain e nel abordaranse as necesidades de formación e capacitación en materia de economía azul no Atlántico, exporanse os esforzos que se están realizando e analizaranse as posibilidades de adoptar unha estratexia conxunta neste eido.

O proxecto MATES

O consorcio do proxecto MATES, que está financiado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+, conta coa participación de máis de 180 expertos colaboradores e pretende sumar os esforzos das comunidades educativas e científicas coa industria, a sociedade e a Administración coa finalidade de analizar as necesidades das capacidades dos traballadores para elaborar un plan de acción a longo prazo.

O seu labor, que comezou no ano 2018 e continuará ata o 2022, céntrase principalmente nas cadeas de valor da construción naval e as enerxías renovables mariñas mediante un enfoque amplo que inclúe o conxunto de actividades e servizos relacionados. A promoción da cultura oceánica é outra acción transversal do proxecto, coa que pretende dar unha maior visibilidade ás oportunidades de carreiras nas tecnoloxías marítimas e contribuír ao mesmo tempo á sustentabilidade do sector.

Imaxes relacionadas