A conselleira do Mar e o delegado territorial da Xunta na Coruña mantiveron unha videoconferencia con representantes do sector marítimo-pesqueiro da provincia

Galicia demanda ao Estado que habilite axudas para a frota que rexistrou perdas a pesar de manter a actividade durante a crise do coronavirus

A conselleira do Mar salienta que en moitos casos os ingresos obtidos pola súa actividade non foron suficientes para cubrir os seus custos de explotación

A Xunta está a estudar medidas para compensar aos profesionais afectados por esta situación e pide ao Goberno central que non limite os seus apoios ás paradas temporais e que teña en conta tamén esta realidade

Rosa Quintana lembra a importancia de agradecer o papel fundamental que desempeñaron milleiros de mulleres e homes de Galicia para abastecer á cidadanía de alimentos da calidade durante a alerta sanitaria pola COVID-19

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia con representantes do sector marítimo-pesqueiro da provincia da Coruña para analizar a situación da cadea mar-industria como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus. Na xuntanza ambas partes coincidiron na necesidade de que o Estado habilite axudas para compensar a aquela frota que estivo operativa durante o estado de alarma pola COVID-19 pero que, pola caída de prezos como consecuencia do peche da hostalería, rexistrou perdas.

A titular de Mar agradeceu o esforzo da Unión Europea para flexibilizar ao máximo o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) co obxectivo de que todos os profesionais do sector poidan beneficiarse del pero lamentou que o Goberno central non inclúa na súa proposta de apoios á cadea mar-industria a aqueles que mantiveron a súa actividade para garantir o subministro de alimentos de calidade á cidadanía no marco da súa declaración como sector esencial. “En moitos casos os ingresos que obtiveron polo seu traballo non foi suficiente para cubrir os seus custos de explotación”, subliñou Rosa Quintana.

A representante do Executivo galego salientou ademais que a Administración galega está a estudar o xeito de cubrir esas dificultades que tiveron os profesionais do sector pero pediu, na liña do manifestado polo conxunto do complexo mar-industria da provincia da Coruña, que o Estado se comprometa non só a conceder axudas para paradas temporais senón tamén a compensar á frota que mantivo a actividade a pesares de non ser rendible.

A videoconferencia co sector marítimo-pesqueiro coruñés serviu para analizar a situación derivada da alerta sanitaria polo coronavirus e tamén para lembrar as medidas adoptadas por parte da Administración galega para apoiar ao sector.

“Temos que agradecer aos milleiros de mulleres e homes que estiveron de xeito continuo saíndo ao mar, dando resposta á súa consideración como sector esencial para abastecer o mercado de produtos de calidade”, incidiu a conselleira do Mar trala xuntanza.

Encontros co sector

Este encontro dixital engádese ao mantido a semana pasada coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e con distintos representantes do sector pesqueiro da área de Vigo e enmárcase no contacto continuo que está a manter a Consellería do Mar cos distintos sectores para afondar nas medidas desenvolvidas ata o momento ante a crise do coronavirus e analizar as dificultades e retos que se albiscan nun futuro próximo co obxectivo de escoitar as súas propostas e deseñar e poñer a disposición medidas de apoio ante as dificultades derivadas da alerta sanitaria do COVID-19.

Na videoconferencia con Rosa Quintana e Ovidio Rodeiro participaron representantes das federacións galega e coruñesa de confrarías de pescadores, das lonxas da Coruña e Ribeira, da asociación de armadores Pescagalicia-Arpega-O Barco, da firma produtora de mexillón Proinsa e da Autoridade Portuaria da Coruña.

Imaxes relacionadas