A Xunta adxudica as obras de mellora de mobilidade e seguridade viaria na avenida de Anllóns, en Ponteceso

Esta intervención, cun investimento autonómico duns 50.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución de tres meses

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da mobilidade e seguridade viaria na avenida de Anllóns, nun treito da estrada autonómica AC-423, ao seu paso polo concello de Ponteceso.

Trátase da mellora de paseos peonís e beiravías nas marxes desta estrada, entre os puntos quilométricos 13+690 e 14+140, para o seu uso peonil. Na actualidade, a estrada carece en parte do tramo de beiravía e beirarrúas ou estas presentan un estado deficiente.

Esta intervención, adxudicada á empresa Canarga, S.L., por un importe de case 50.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de execución duns tres meses.

As obras mellorarán a seguridade viaria na contorna, tanto dos vehículos como dos usuarios vulnerables, peóns e ciclistas, nunha zona cun elevado número de viandantes e onde se atopa o colexio público Eduardo Pondal.

Os traballos proxectados inclúen a ampliación da plataforma cun muro de formigón, completar as beirarrúas e beiravías, mellorar o firme e a reposición de servizos e marcas da vía.

Na actuación tamén se prevé a reparación da senda de madeira existente e a súa varanda.

Imaxes relacionadas