Estas actuacións enmárcanse na iniciativa impulsada polo Goberno galego de mellora das chegadas dos Camiños á cidade de Santiago

A Xunta inicia as obras do novo aparcadoiro de Conxo, que se acompasan cos traballos de integración paisaxística do Camiño Portugués neste barrio

A intervención foi licitada por preto de 415.000 euros e conta cun prazo de execución de 6 meses

Execútase ao carón do centro de saúde e compensará as prazas de aparcamento existentes na praza do Campo afectadas pola reordenación desa contorna

Habilitaranse 82 prazas, 4 para persoas con mobilidade reducida, e no seu interior xeraranse percorridos peonís para comunicar as prazas e accesos

A parcela quedará dividida en dúas plataformas a distinto nivel e o acceso e saída do aparcadoiro realizarase dende a rúa Ramón Baltar

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza nos traballos de reordenación do Camiño en Conxo, licitados por máis de 2 millóns de euros, co obxectivo de rematalos a finais de verán

En vindeiras datas licitaranse os traballos do treito entre a rúa da Escurridía e Ponte Vella, cun investimento de preto de 240.000 euros, para inicialos este ano

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de iniciar as obras do novo aparcadoiro ao carón do centro de saúde de Conxo, que se acompasará cos traballos de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués que se están a executar neste barrio compostelán.

As obras do aparcadoiro están a ser executadas pola empresa F. Gómez y Cia S.L. e foron licitadas por preto de 415.000 euros. Os traballos dispoñen dun prazo de execución de 6 meses.

O novo aparcadoiro contará con capacidade para 82 prazas, 4 para persoas con mobilidade reducida, e permite compensar e aumentar as prazas que ata a execución das obras de acceso dos Camiños á cidade había no Campo de Conxo.

De modo complementario, tamén dará servizo ao centro de saúde e a equipamentos como o cemiterio, a Axencia Galega de Innovación ou o centro sociocultural.
No interior do aparcadoiro vanse xerar percorridos peonís que permitirán a comunicación de todas as prazas e accesos. A parcela, condicionada pola súa topografía, quedará dividida en dúas plataformas a distinto nivel que se van unir mediante unha escaleira de 2 metros de ancho e unha rampla. Como elemento de protección utilizarase unha varanda de aceiro galvanizado. O acceso e saída do aparcadoiro realizarase dende rúa Ramón Baltar.

A intervención de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo é a obra principal neste ámbito de actuación. Na actualidade avánzase na execución destes traballos, licitados por máis de 2 millóns de euros, co obxectivo de telos rematados a finais de verán. A intervención humanizará a contorna para a conformación dunha nova gran praza que poña en valor o Mosteiro e sexa aproveitada no día a día pola veciñanza.

As actuacións no Camiño Portugués en Santiago completaranse coa licitación en vindeiras datas dos traballos correspondentes ao treito entre a rúa da Escurridía e Ponte Vella, por un investimento de preto de 240.000 euros. O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é iniciar a execución das obras este mesmo ano.

Imaxes relacionadas