A Xunta inicia as obras de rehabilitación de firme no treito final da vía de alta capacidade do Morrazo, ao seu paso polos Concellos de Moaña e Cangas

Os traballos na CG-4.1 desenvólvense ao longo do día de hoxe e durante a xornada de mañá, entre os puntos quilométricos 12+100 e 15+000

En días pasados leváronse a cabo traballos de mellora do firme na estrada PO-313

Estas actuacións forman parte dun contrato de obras de mellora en distintas estradas autonómicas, cun investimento de máis de 1,2 millón de euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén como obxectivo prioritario a conservación da rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executa as obras de rehabilitación de firme no treito final da vía de alta capacidade do Morrazo, reforzando e mellorando a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios das estrada da comarca
Os traballos na CG-4.1 desenvólvense ao longo do día de hoxe e durante a xornada de mañá, entre os puntos quilométricos 12+100 e 15+000, nos concellos de Moaña e Cangas.
Tamén se levaron a cabo en días pasados traballos de reforzo de firme na estrada PO-313, ao seu paso polos concellos de Moaña e Marín. Actuouse entre San Tomé de Piñeiro e Broullón, puntos quilométricos 7 e 12, e en Quintela, dende o punto quilométrico 15+900 ata o 16+420.
Cómpre lembrar que no outono o departamento de Infraestruturas da Xunta xa realizou nestes tramos saneos e fresados localizados e agora procedeuse ao selado da rodadura completando as tarefas de rehabilitación de firme.
Estas intervencións enmárcanse no contrato de obras de mellora do firme en distintas estradas autonómicas das comarcas do Morrazo, Deza e Pontevedra, adxudicadas á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L, cun investimento autonómico de máis de 1,2 millón de euros.
Con estas actuacións o departamento de Infraestruturas da Xunta continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas.

Imaxes relacionadas