As obras de conservación do viaduto de Brión farán necesario o corte da calzada esquerda da autovía AG-56 este luns

Os traballos na vía que comunica Santiago e Brión céntrase na recolocación dunha das pilas de apoio do viaduto da marxe esquerda, habilitándose o desvío de tráfico polo enlace

Para esta operación deseñouse unha estrutura auxiliar que permitirá o uso da técnica de gateo ou izado das vigas da infraestrutura para o apoiar os gatos hidráulicos, evitando danos ao taboleiro e das vigas que descansan sobre o dintel da pila

A técnica do gateo ou izado de estruturas de pontes é unha actividade singular, que na actualidade se está a estender neste tipo de infraestruturas
 

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a executar unhas obras de conservación do viaduto de Brión, o que fará necesario este luns o corte da calzada esquerda da autovía AG-56.
Os traballos na infraestrutura da estrada que comunica Santiago e Brión levaranse a cabo nunha xornada e durante a súa execución está previsto o desvío do tráfico polo enlace da autovía.
As actuacións de mantemento consisten na recolocación dun apoio do viaduto da marxe esquerda que, pese a non supoñer problemas dende o punto de vista estrutural, cómpre arranxalo para optimizar a súa conservación.
Para a execución da obra deseñouse unha estrutura auxiliar específica que permitirá realizar o gateo ou izado ao mesmo tempo das vigas desta infraestrutura para o apoio dos gatos hidráulicos, ao non existir nos dinteles espazo suficiente para a súa colocación.
A técnica do gateo ou izado de estruturas de pontes é unha actividade singular que na actualidade se está a estender neste tipo de infraestruturas. Deste xeito, trátase de evitar danos ao taboleiro da estrutura e das 8 vigas que descansan sobre o dintel da pila obxecto desta intervención.
Estes traballos enmárcanse no programa específico da Xunta de seguridade das pontes e das obras de paso, a través do que se levan a cabo actuacións de inspeccións periódicas e constantes en todas as estruturas das estradas autonómicas co fin de anticiparse a posibles futuros problemas.
Galicia foi pioneira na implantación deste mecanismo de inventariado e xestión da conservación das pontes nas estradas de titularidade autonómica. Trátase dun sistema de seguridade e inspección de estruturas que permite ter un coñecemento máis completo da rede viaria, do seu estado de conservación, tanto desde o punto de vista estrutural, como da súa evolución de deterioro no tempo e, por suposto, desde o punto de vista da seguridade dos usuarios.
 

Imaxes relacionadas