A Xunta executa traballos de conservación nos treitos interurbanos dos ríos Condomiñas, Pontigas e o rego da Veiga, ao seu paso polo concello de Cedeira

Esta nova actuación no municipio forma parte das intervencións de mantemento que executa Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións

Os traballos están a desenvolverse en distintos tramos destes ríos e do rego ao longo de máis de 2,5 quilómetros ao seu paso por varios dos lugares do municipio
 

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación nos treitos interurbanos dos ríos Condomiñas, Pontigas e o rego da Veiga, no concello de Cedeira.
Esta nova actuación no municipio forma parte das intervencións de Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).
As tarefas estanse a desenvolver nun tramo de máis de 2,5 quilómetros de lonxitude, que coincide co percorrido destes ríos e rego por distintos lugares do municipio.
Os traballos céntranse na retirada da canle de árbores, pólas, madeira morta e elementos susceptibles de causar atoamentos, así como rozas selectivas puntuais. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos e rego quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Estas accións forman parte dos programas de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Norte.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas