O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun encontro telemático organizado pola Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime)

Conde subliña que as empresas máis dixitalizadas e con maior capacidade para innovar teñen máis alternativas de resposta ante o novo contexto económico

Destaca que un dos principais retos que o tecido industrial ten por diante é compatibilizar a rendibilidade e a competitividade das empresas coas novas condicións de produción e traballo que trae consigo a situación actual

Apunta que o Plan de dixitalización aprobado no Consello da Xunta de hoxe para pemes, autónomos e o sector do comercio, busca apoiar o tecido empresarial para que poida adaptarse ao novos retos

A Xunta xa ten en marcha medidas que contribúen a impulsar a reactivación da economía e da industria galega; medidas nunha dobre vía: velar pola seguridade e a saúde das persoas e trasladar certezas e confianza ao tecido empresarial

Apunta que a liña de financiamento para pemes e autónomos activada para mobilizar 250M€ en préstamos xa rexistra máis de 3.300 solicitudes por un importe superior aos 220 millóns de euros

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe que as empresas máis dixitalizadas e con maior capacidade para innovar teñen máis alternativas de resposta ante o novo contexto económico marcado pola crise sanitaria da COVID-19. Así o manifestou no encontro telemático Liñas de financiamento para a reactivación económica, organizado pola Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime).

Conde indicou que un dos principais retos que o tecido industrial ten por diante é compatibilizar a rendibilidade e a competitividade das empresas coas novas condicións de produción e traballo que trae consigo esta nova situación. Un obxectivo, engadiu, no cal a dixitalización vai xogar un papel decisivo e que vai requirir das achegas de todos: administracións e empresas.

Plan de dixitalización e Igape Responde

Neste sentido, apuntou que o Plan de dixitalización aprobado no Consello da Xunta de hoxe para pemes, autónomos e o sector do comercio, busca apoiar o tecido empresarial para que poida adaptarse ao novo contexto económico. Dotado con 23,5 millóns de euros, ten como obxectivo que as empresas poidan facer investimentos no eido dixital que lles permitan, por exemplo, impulsar o comercio electrónico, a presenza no ámbito rural, explorar en novas solucións tecnolóxicas ou no teletraballo. E, por outro lado, que amplíen a súa presenza no mercado internacional a través do programa Galicia Exporta Dixital.

A Xunta xa ten en marcha medidas que contribúen a impulsar a reactivación da economía e da industria galega. Medidas que, tendo en conta as recomendacións do Comité de Expertos Económicos, van nunha dobre vía: velar pola seguridade e a saúde das persoas e trasladar certezas e confianza ao tecido empresarial.

O conselleiro considerou que é moi importante que a empresas e autónomos non lles falte información e teñan ao seu alcance un servizo de consulta onde poder asesorarse. E, ao respecto, recoñeceu que o programa Igape Responde ofrécelles unha xanela única onde encontrar apoio personalizado en asuntos como a busca de financiamento, a reorganización operativa, a dixitalización e a innovación, o teletraballo ou a oferta comercial.

Con respecto á liña de financiamento para pemes e autónomos activada pola Xunta para mobilizar 250 millóns de euros en préstamos –e nos que a Administración autonómica bonifica os xuros–, indicou que a día de hoxe xa rexistra máis de 3.300 solicitudes por un importe superior aos 220 millóns de euros.

Imaxes relacionadas