A Xunta responsabiliza ao Concello de Ponte Caldelas en caso dun posible accidente trala instalación de dous arcos sen autorización nunha estrada autonómica

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recorda que a colocación deste tipo de instalacións necesita dunha solicitude previa ante a administración responsable da vía e que así se lle comunicou antes de que executara a obra

Requíreselle agora ao concello unha memoria explicativa das instalacións provisionais nun prazo de sete días

Pontevedra, 14 de maio de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, informou esta mañá que o concello de Ponte Caldelas será “o único responsable” en caso dun posible accidente de tráfico trala instalación de dous arcos de desinfección sen autorización nunha estrada autonómica.

José Manuel Cores Tourís matizou que, antes de que executara a obra, se lle informou ao alcalde da localidade, Andrés Díaz, que debía solicitar o permiso pertinente, “cousa que non fixo”.

O responsable territorial engadiu que xa se lle deu traslado ao concello de Ponte Caldelas do informe realizado polo Servizo de Infraestruturas de Pontevedra no que queda evidenciada a necesidade previa de presentar unha solicitude ante a administración responsable da vía antes de la colocación destas instalación.

A través deste informe requíreselle ao concello de Ponte Caldelas que presente a solicitude pertinente de autorización nun prazo de sete días, que debe incluír unha memoria explicativa das instalacións provisionais, un plano de planta de ambas instalacións, os planos das dimensións dos pórticos, unha memoria de cálculo da estrutura e un plano de sinalización. Tamén debe aportar a definición dos dispositivos de protección dos elementos verticais da estrutura situados na calzada, dado que os pórticos están situados nos carrís de saída de glorietas, e un plano no que se xustifique que o radio de xiro dos vehículos ríxidos non afectan aos elementos verticais dos pórticos. “Por suposto, a maiores, tamén ten que informar á Xunta da formulación do produto desinfectante utilizado con informe de non afección a usuarios da estrada”, engadiu Cores Tourís.

No informe do Servizo de Infraestruturas da Delegación da Xunta en Pontevedra enviado hoxe ao concello de Ponte Caldelas detállaselle que a instalación de dous arcos desinfectantes na PO-532 e na PO-255 puxéronse en marcha sen a preceptiva autorización desta administración, “polo que calquera reclamación/accidente derivada do funcionamento das mesmos será responsabilidade do Concello de Ponte Caldelas”.

Na Lei de Estradas de Galicia, segundo continúa o informe, establécese que a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas zonas de protección está suxeita ao deber de dotar a correspondente autorización previa, salvo que expresamente sexa permitida por esta lei ou polo seu regulamento”. Polo tanto, a competencia para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección correspondente á administración titular da estrada, neste caso, a Xunta de Galicia.

De feito, nesta lei tamén se especifica que na calzada e nas súas beirarrúas só se poderán autorizar aquelas instalacións provisionais, cun prazo fixado, asociadas a actividades de interese ou uso público.