A Xunta adxudica a redacción do proxecto para construír unha depuradora na parroquia de Serantes, no concello de Laxe

Este contrato, cun investimento de máis de 16.000 euros, ten por obxectivo definir as actuacións para acometer esta nova infraestrutura hidráulica

O proxecto consta dunha depuradora, un bombeo e unha impulsión para a condución das augas residuais dende os edificios municipais á rede existente, para ser tratado na depuradora de Laxe
 

Santiago, 15 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto para construír unha nova depuradora na parroquia de Serantes, no Concello de Laxe.

Este contrato foi adxudicado á empresa Organización y Gestión de Proyectos y Obras S.L por un investimento de máis de 16.000 euros.

O servizo consiste na redacción do proxecto para executar unha nova estación depuradora, un bombeo e unha impulsión para a condución das augas residuais dende os edificios municipais á rede existente, para ser tratado na estación depuradora de augas residuais de Laxe.

Esta infraestrutura hidráulica dará servizo aos case 200 habitantes desta parroquia do concello coruñés de Laxe.

Actualmente existe unha rede de saneamento que recolle as augas residuais desta contorna e as conduce a unha fosa séptica con funcionamento deficiente. Neste sentido, a nova depuradora resolverá estas carencias e incrementará a capacidade de tratamento.
Esta actuación enmárcase no apoio técnico e financeiro que a Xunta lle vén achegando aos concellos galegos para que poidan prestar axeitadamente aos veciños os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia municipal.