O vicepresidente da Xunta participa nunha videoconferencia coa S.M. o Rei don Felipe VI para poñer en valor o traballo do persoal das emerxencias

En Galicia, os voluntarios de Protección Civil e os profesionais dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) levan realizado máis de 80.000 operativos

Ocúpanse de servizos “fundamentais” como as desinfeccións, reparto de alimentos ou medicamentos, ou vixilancia das persoas que viven soas

A Estrada (Pontevedra), 14 de maio de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe nunha videoconferencia co S.M. o Rei don Felipe VI para poñer en valor o traballo das salas do 112 e dos profesionais e voluntarios das emerxencias despregados por toda España fronte a pandemia do coronavirus.

Rueda destacou a importancia deste xesto como “recoñecemento” e “posta en valor” de todo o traballo que levan facendo os efectivos de emerxencias durante esta crise sanitaria: tanto o dos profesionais dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), como o dos voluntarios das Agrupacións de Protección Civil (AVPC), e outro persoal de emerxencias como os bombeiros.

Ata agora, entre os GES e as AVPC, lévanse realizado máis de 80.000 operativos moi diversos: desde intervencións en emerxencias; reparto de alimentos ou medicamentos; ata a comprobación do estado de persoas que viven soas. Tamén colaboran noutras accións importantes como a desinfección de lugares de elevada concurrencia.

“En definitiva, servizos que son sempre fundamentais”, apuntou o vicepresidente, quen agradeceu o traballo realizado durante estes “dous duros meses” e valorou que Galicia conta con voluntarios e profesionais das emerxencias “perfectamente preparados que, cando teñen que responder, fano con solidariedade, con profesionalidade e con vocación de servizo”.

Desde a Xunta lévase traballando desde o primeiro momento para conseguir a máxima coordinación entre a Administración autonómica e os efectivos de emerxencias, que foron mobilizados tras a activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga).

O vicepresidente destacou a importancia deste traballo e recordou o esforzo da Xunta por apoiar a estes colectivos. Agora, na pandemia, con envío de material de protección a todos os concellos galegos para que se distribuíse entre persoal en primeira liña, como os voluntarios de Protección Civil ou os GES; e tamén antes, co apoio continuo nos últimos anos a través de investimentos en equipamento e mantemento, e de formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Imaxes relacionadas