A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade urxe a Adif a desbloquear o inicio das obras dos accesos á estación intermodal de Vigo

Os accesos, que o Concello de Vigo prevía iniciar en marzo, non poden empezar a executarse porque o Goberno de España non aprobou aínda o acordo para o seu cofinanciamento

A Xunta e o Concello autorizaron xa en febreiro ese convenio e agardan desde entón por Adif

As obras dos accesos condicionan o avance dos traballos da estación de autobuses intermodal, que corre risco de ter que paralizarse

O Goberno galego advirte de que o retraso no convenio fai xa case imposible que o centro Vialia estea rematado e en servizo en abril de 2021

Lembra que o cronograma xa se viu alterado tras coñecerse que o inicio efectivo do centro comercial se produciu cinco meses despois da data oficialmente anunciada
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade urxiu hoxe a Adif a desbloquear o inicio das obras da estación intermodal de Vigo para evitar un grave atraso no desenvolvemento desta infraestrutura estratéxica para a cidade.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, dirixiuse hoxe por escrito ao ente ferroviario e ao Concello de Vigo para alertar sobre as consecuencias do atraso no inicio da execución dos accesos á estación intermodal.

Segundo lembra, o Concello de Vigo non pode adxudicar nin comezar as obras dos accesos á estación intermodal porque aínda non está asinada a addenda ao convenio de colaboración coa Xunta e o Adif para o seu cofinanciamento. O Goberno galego e a administración local autorizaron xa ese trámite no mes de febreiro e agardan desde entón a que sexa autorizado tamén polo Executivo central.

Menéndez apunta a que probablemente o Concello non poderá iniciar esa obra antes do mes de xullo, no caso máis optimista, unha circunstancia que fai xa “case imposible” manter a data de fin das obras e posta en servizo do centro Vialia en abril de 2021.
Ademais, para a Xunta de Galicia, este atraso supón un importante prexuízo, porque as obras dos accesos condicionan o cronograma da execución da nova terminal de autobuses que constrúe a Administración autonómica.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas lembra que o cronograma acordado para o conxunto intermodal xa se viu alterado tras coñecerse, a mediados de 2019, que o inicio efectivo da construción do Centro Vialia se producira 5 meses despois da data oficialmente anunciada.

Francisco Menéndez chama tamén a atención sobre a falta de disposición para mellorar a intermodalidade entre as estacións de tren e autobús e aposta por que se analice a proposta da Xunta para facilitar a chegada á terminal ferroviaria a través da vía verde que está previsto completarse desde a antiga vía de ferrocarril por Redondela.

Imaxes relacionadas