A Xunta apela á necesaria coordinación entre administracións durante a emerxencia sanitaria

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondeu hoxe a unha pregunta parlamentaria sobre o funcionamento do Centro de Coordinación Operativa (Cecop)

O Cecop, que se reuniu ata en 8 ocasións, está formado por representantes da Xunta, Delegación de Goberno e Fegamp

Adoptou medidas de calado como a subministración de EPIs aos concellos ou a mellora dos recursos tecnolóxico do alumnado do ensino non universitario

Tamén abordou outros asuntos, como a exención da aplicación das franxas horarias aos núcleos separados de menos de 5.000 habitantes ou a apertura de mercados

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou hoxe á necesaria coordinación entre administracións para avanzar na xestión da emerxencia sanitaria causada pola pandemia de coronavirus.

Así o sinalou hoxe no Parlamento galego durante a resposta a unha pregunta parlamentaria sobre o funcionamento do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), constituído pola Xunta: un órgano que puxo precisamente como exemplo da coordinación e diálogo cos que se está traballando en Galicia desde o primeiro momento. Así, no Cecop, que xa se reuniu en 8 ocasións, están integrados representantes de distintos departamentos da Xunta, da Delegación de Goberno e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Desde a súa posta en marcha, o Cecop, que “foi un acerto”, funcionou como un órgano de coordinación entre administracións que tomou decisións e iniciativas de relevancia, que afectan ás distintas institucións implicadas. Entre outras, estableceu un sistema de subministracións de EPIs para os concellos; activou a colaboración entre Xunta e concellos para mellorar a conectividade e recursos tecnolóxicos do alumnado non universitario; acordou que as actuacións en materia de prevención e extinción de incendios serían esenciais; e estableceu unha maior coordinación entre os distintos axentes que estaban implicados na desinfección de espazos públicos.

O Cecop tamén serviu como un órgano de colaboración que permitiu aclarar e adaptar a Galicia as disposicións estatais, en materias como o traballo nas hortas de autoconsumo, no que Galicia se adiantou a permitir o desprazamento ás hortas situadas dentro do concello da residencia habitual ou ata un máximo de 5 quilómetros de distancia da casa se a horta estivese nun concello limítrofe; ou a clarificación no referido á recollida de comida nos locais. Galicia propuxo ademais, dentro do Cecop, a apertura de establecementos de hostalería para dar servizo aos traballadores dos colectivos que prestaban servizos esenciais.

Ademais de todos os acordos tomados “para facilitar a vida da xente”, o Cecop tamén abordou outros asuntos. Así, o Cecop tratou a exención da aplicación das franxas horarias aos núcleos separados con poboación inferior a 5.000 habitantes. Grazas a esta petición da Xunta, que finalmente foi aceptada polo Goberno central, os galegos e galegas que teñen liberdade horaria nas súas saídas pasou de ser o 15% da poboación a case a metade. Cómpre lembrar que os concellos poden aplicar os axustes que consideren necesarios dentro dos seus termos municipais.

Galicia tamén foi a primeira comunidade autónoma en regular as condicións para a apertura dos mercados. Galicia consultou en varias ocasións se podía abrir os mercados, que xa estaban funcionando noutras comunidade autónomas, e chegou a comunicar ao Goberno central que ía levantar a prohibición sen ter resposta en contra. Pese a iso, esa semana o Goberno central decidiu suspender os mercados aínda que, posteriormente, pasou a indicar que si os autorizaba.

Do mesmo xeito, tamén se está esperando una aclaración do Goberno central en canto á prohibición da pesca deportiva e caza por danos na fase I, en tanto se entende que non existen argumentos sanitarios ou de seguridade para prohibilas.

Outro dos aspectos importantes do Cecop, máis alá da coordinación, é que se lle “deu publicidade e transparencia” aos acordos adoptados, un aspecto “moi necesario”, especialmente porque as persoas “teñen moitísimas dúbidas” coas disposicións estatais.

En definitiva, Galicia aposta pola “cogobernanza” e vén traballando desde o primeiro momento con lealdade e a máxima coordinación co resto de administracións, facendo partícipe a concellos e Delegación de Goberno das decisións que se foron tomando.