A Xunta solicita ao Goberno que reaccione e achegue estabilidade aos traballadores de Alcoa San Cibrao e da industria auxiliar

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, pide no Parlamento que se atendan as alegacións remitidas por Galicia para desbloquear o Estatuto para os consumidores electrointensivos e fixar un prezo eléctrico estable e competitivo

Lamenta que a Administración central lle dea as costas á industria galega e agarda que se tomen medidas para evitar o seu desmantelamento

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, solicitou hoxe ao Goberno central que reaccione e achegue estabilidade e futuro aos traballadores de Alcoa San Cibrao e da industria auxiliar, unha reclamación que fixo extensiva ao resto do sector electrointensivo galego, do que dependen directamente 5000 familias.

Durante a súa intervención no Parlamento, Conde lamentou que siga sen aprobarse un Estatuto para os consumidores electrointensivos que fixe un prezo eléctrico estable e competitivo que lle permita estar en igualdade de condicións que o resto de países europeos. Ao mesmo tempo, insistiu na necesidade de que o Goberno atenda as alegacións remitidas pola Xunta en consenso co sector: incluír a categorización de consumidores hiperlectrointensivos, estabilidade ou a redución nas peaxe de transporte, entre outras cuestións.

Neste sentido, lembrou que estas peticións son compartidas tamén polos gobernos de Asturias e Cantabria: “Xa lle temos trasladado ao Goberno que o borrador do Estatuto é insuficiente: non ofrece un prezo competitivo que baixe a 25-30€MWh; non ofrece estabilidade, como si o fai o sistema italiano; e incrementa o número de posibles empresas beneficiarias favorecendo a rexións como Cataluña e País Vasco e prexudicando a outras como Galicia”, explicou.

O conselleiro afirmou que sen prezo eléctrico que permita traballar en igualdade de condicións que o resto da industria electrointensiva, Alcoa San Cibrao deixará de producir aluminio primario e estará en perigo non só o futuro dos seus traballadores, senón tamén as industrias auxiliares, ao redor de 1600 familias da Mariña Lucense.

Conde finalizou lamentando que o Goberno central dea as costas á industria e ao emprego e pediu que dea prioridade á industria e adopte medidas para evitar o seu desmantelamento. Así, explicou que a crise provocado polo Covid-19 é un bo exemplo da necesidade que ten este país de impulsar a industria como motor económico.