A Xunta inicia un ciclo de talleres para incentivar as propostas do mercado e centros de investigación na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos a través do proxecto ‘Innovaugas’

Entre hoxe e mañá, estas xornadas técnicas reunirán a máis de 500 profesionais dos distintos sectores da tecnoloxía e da innovación

As sesións abordarán os tres retos do proxecto Innovaugas: a xestión do recursos hídricos e do medio ambiente, a resiliencia fronte o cambio climático e a economía circular

O encontro de hoxe céntrase na busca de novas ferramentas de obtención de datos en tempo real e dun sistema de información que facilite a toma de decisións por parte de Augas de Galicia

Na reunión de mañá abordaranse os mecanismos que se poden pór a disposición de mellorar a capacidade de resposta ante os fenómenos naturais relacionados co cambio climático

Tamén trataranse as solucións sobre tecnoloxías innovadoras de desinfección e control de efluentes para a reutilización de augas depuradas, así como da optimización enerxética das depuradoras enfocada
 

Santiago de Compostela.-13 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciou hoxe un ciclo de talleres informativos para incentivar as propostas do mercado e centros de investigación na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos a través do proxecto ‘Innovaugas 4.0’.

Estas xornadas de traballo dan continuidade á presentación pública realizada a pasada semana deste proxecto da Xunta, dotado con 7 millóns de euros e cofinanciado polos fondos europeos FEDER.

Estes talleres se desenvolverán en dúas quendas, hoxe e mañá, e nos mesmos participan un total de 500 profesionais dos sectores empresarial, centros tecnolóxicos, universidades e grupos de investigación.


O obxectivo dos encontros é pór á disposición dos axentes do mercado a información necesaria para obter propostas e solucións novidosas que respondan aos tres retos desde proxecto: xestión do recursos hídricos e do medio ambiente, a resiliencia fronte os cambio climático e a economía circular.

O taller que se está a celebrar hoxe aborda a primeiro dos retos deste proxecto, centrado na obtención de sistemas integrais de información de xestión dos recursos hídricos. Neste caso, requírense dos axentes tecnolóxicos novas propostas sobre ferramentas de incorporación de datos en tempo real a un sistema de información e a súa adaptación á toma de decisións por parte de Augas de Galicia.

Ademais cómpre desenvolver técnicas non convencionais de valoración e predición do estado de conservación do dominio público hidráulico.

No taller de mañá trataranse as capacidades dos distintos sectores do mercado innovador para responder os outros dous obxectivos que persegue ‘Innovaugas 4.0’.

No segundo reto o obxectivo é a mellora da xestión da auga e a súa necesaria vinculación co escenario actual de cambio climático. Augas de Galicia proponse acadar solucións no mercado que permitan que a capacidade de resposta se adapte aos fenómenos naturais e se anticipe a eles.

Neste eido, requírense propostas de novas ferramentas para a mellora da resiliencia dos sistemas de abastecemento fronte á seca, co fin de predicir estas situacións con modelos meteorolóxicos, cuantificar de forma precisa os recursos hídricos dispoñibles e definir as reservas e o control de perdas.

Aquí é fundamental, ademais, acadar o sistema para reducir o impacto dos desbordamentos das augas pluviais nos usos produtivos e recreativos da auga, así como mecanismos de alerta mellorados para detectar risco de enchentes.
O terceiro reto sobre o que se traballará, vai vinculado á economía circular e busca no mercado solucións sobre tecnoloxías innovadoras de desinfección e control de efluentes para a reutilización de augas depuradas e sobre a xestión intelixente das depuradoras enfocada á optimización enerxética.

Imaxes relacionadas