A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha videoconferencia co equipo responsable destas obras para supervisar o seu avance e as medidas de prevención da saúde por mor do COVID-19

A Xunta avanza ao maior ritmo na ampliación do Hospital de Ferrol, no que inviste 56 M€, facendo compatibles os traballos co mantemento da actividade sanitaria

O proxecto inclúe a remodelación dos hospitais Naval e Arquitecto Marcide e a construción de dous novos edificios, un 54% máis de superficie hospitalaria

No hospital Arquitecto Marcide avánzase no reforzo das zapatas dos pilares e nas demolicións e no Naval continúa o movemento de terras e tamén as demolicións

Na reunión abordouse a planificación prevista para executar 220 novas prazas de aparcadoiro no hospital Naval

As obras de ampliación veranse completadas no verán coa mellora do firme nos accesos a estes complexos hospitalarios e ao Nóvoa Santos

A intervención, no seu conxunto, supón manter 314 empregos durante os tres anos de execución das obras

Ethel Vázquez subliña a aposta da Xunta pola sanidade pública, coa execución na actualidade de infraestruturas sanitarias cun orzamento de máis de 90 M€

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

A Xunta avanza ao maior ritmo na ampliación do Hospital de Ferrol, no que inviste 56 millóns de euros, facendo compatibles os traballos co mantemento da actividade sanitaria.

A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe unha videoconferencia co equipo responsable destas obras para supervisar o seu avance e as medidas de prevención da saúde por mor do COVID-19.

Este proxecto estratéxico, englobado no Plan Director da Xunta para a área sanitaria de Ferrol, contempla na 1ª fase a remodelación dos hospitais Naval e Arquitecto Marcide e a construción de dous novos edificios anexos ao último, incrementando nun 54% a superficie hospitalaria actual.

Na reunión constatouse, en primeiro lugar, que estes traballos se están a realizar coas necesarias medidas de protección da saúde dos profesionais para evitar contaxios.

No que se refire á evolución das obras, na actualidade no hospital Arquitecto Marcide, estase a avanzar no reforzo das zapatas dos pilares e nas demolicións e no hospital Naval, continúan as demolicións e o movemento de terras.

Na reunión de hoxe tamén se abordou a planificación prevista para a execución de 220 novas prazas de aparcadoiro no hospital naval.

Ademais, as obras de ampliación do hospital de Ferrol veranse completadas, este mesmo verán, coa mellora do firme nos accesos aos hospitais Naval e Marcide e ao Nóvoa Santos.

Ethel Vázquez salientou que a intervención, no seu conxunto, supón manter 314 empregos, entre directos e indirectos, durante os tres anos de execución das obras.

Subliñou a aposta que a Xunta vén facendo pola sanidade pública, mellorando e construíndo novas infraestruturas sanitarias.

Destacou que o Goberno galego está executando actualmente infraestruturas sanitarias que supoñen un orzamento de máis de 90 M€, entre a decena de centros de saúde que se están construíndo, entre eles o de Narón, e as reformas dos hospitais da Costa e de Ferrol.

Imaxes relacionadas