A Xunta adxudica a redacción dos estudos de compatibilidade co medio mariño dos proxectos de mellora de saneamento previstos en Burela e en Praceres, na ría de Pontevedra

Este contrato, cun investimento autonómico duns 17.000 euros, asegurará que as intervencións se adaptan aos obxectivos ambientais e ás estratexias mariñas marcadas por Costas do Estado

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo para a redacción dos documentos de análise da compatibilidade co medio mariño dos proxectos de saneamento previstos en Burela e Praceres, este último na ría de Pontevedra.
Este contrato, cun investimento autonómico duns 17.000 euros, foi adxudicado á empresa Ambiotec, Gabinete de Estudios Técnicos de Medioambiente, S.L.

A Xunta quere asegurar que as actuacións que está a proxectar, para executar o novo colector xeral de Burela e o novo emisario submarino da depuradora de Praceres, se adaptan aos obxectivos ambientais e ás estratexias mariñas marcadas pola Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar.

Ambas as iniciativas impulsadas pola Xunta contemplan a ocupación de terreos de dominio público marítimo terrestre. Os traballos contratados permitirán a elaboración dun documento específico para cada un das actuacións previstas desde Augas de Galicia e Costas do Estado poderá establecer a compatibilidade de cada unha das actuacións coas estratexias mariñas noratlánticas.

Os servizos requiridos polo organismo hidráulico da Xunta consisten na realización dunha descrición das comunidades biolóxicas mariñas dos trazados das conducións previstas no dominio público marítimo terrestre, sinalando en cada un dos proxectos a presencia ou ausencia de especias protexidas presentes nos fondos mariños.

Os estudos tamén incluirán unha avaliación da compatibilidade cos obxectivos ambientais da demarcación e unha descrición das medidas preventivas e correctoras necesarias para a súa incorporación aos programas de vixilancia ambiental de seguimento dos efectos sobre o medio mariño.