Medio Ambiente investirá preto de 72.000 euros na pavimentación e mellora da rúa República Arxentina de Noia

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo hoxe unha videoconferencia co alcalde noiés tras asinar electronicamente un convenio entre Xunta e Concello para cofinanciar as obras

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

A Xunta de Galicia e o Concello de Noia colaborarán técnica e economicamente co fin de levar a cabo as obras de pavimentación e mellora da Rúa República Arxentina, en pleno centro urbano da vila coruñesa. Este foi o compromiso que asumiron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, que asinaron electronicamente un convenio de colaboración en virtude do cal a Xunta financiará o 70% do custo estimado das obras -71.856.51€- e a entidade local achegará o 30% restante -30.795,65€-.

Este convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2021, coa posibilidade de que ambas partes acorden unanimemente unha prórroga por un período máximo de dous anos adicionais antes desa data.

Con este tipo de intervencións, tal e como lle trasladou a conselleira ao rexedor noiés durante a videoconferencia que mantiveron esta mañá, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación e a humanización das vilas e cidades galegas.

Nesta liña, subliñou que a Xunta é consciente da importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos e equipamentos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus veciños.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019


A obra comprometida hoxe no Concello de Noia enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Grazas a esta iniciativa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios galegos. Na mesma liña, o ano pasado asumíronse preto de 90 novos compromisos cos concellos para os que se mobilizaron 12,9 millóns e nos orzamentos da Xunta de 2020 hai reservados 6,5 millóns para actuacións urbanísticas a nivel municipal.

De feito, cómpre lembrar que os traballos levados a cabo o ano pasado na Praza das Américas de Noia co fin de humanizar e ordear esta zona tan concorrida do Concello, buscando un equilibrio entre o tráfico rodado e peonil, tamén foron financiados nun 70% pola Xunta a través do Plan Hurbe.
 

Imaxes relacionadas