Xunta e FEGAMP coordinan un programa que mellore a saúde da poboación a través da actividade física e avanzan na creación do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia

Os datos do RIDEGA servirán para a confección do Plan de Instalacións Deportivas de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 16 de xaneiro

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha xuntanza virtual co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, para abordar unha serie de temas relativos aos asuntos deportivos máis importantes que afectan aos municipios galegos. Ambos dirixentes centraron os seus discursos na importancia do deporte e da actividade física, que se confirma con episodios como o que estamos a vivir, así como no inicio da tramitación do Decreto polo que se regula o Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia (RIDEGA). Na xuntanza tamén se trataron os puntos máis importantes da desescalada deportiva que afectan aos concellos de Galicia e do Plan de Reactivación do Deporte Galego no que traballa a Secretaría Xeral con todo o tecido deportivo galego.

Tocante ao primeiro asunto, o secretario xeral para o Deporte continuou o traballo xa comezado coa FEGAMP para a elaboración dun programa transversal con outros departamentos da Xunta como Sanidade ou Política Social que contribúa á mellora da saúde, o benestar e a calidade de vida dos usuarios do sistema sanitario mediante a prescrición de exercicio e actividade física a través dun promotor de exercicio, que adaptará, seguirá e avaliará a execución individual da actividade nos recursos dispoñibles dos concellos participantes.

Neste sentido, o secretario xeral valorou a importancia da prescripción de exercicio no concello como proposta coordinada e eixo dinamizador da actividade física tras o confinamento, así como a necesidade de facer exercicio e actividade física como elemento preventivo ante calquera enfermidade, como outro eixo de resposta fronte ao novo Covid-19.

RIDEGA

No que respecta ao Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia (RIDEGA), o secretario xeral anunciou á FEGAMP o próximo inicio da fase de audiencia para a tramitación do decreto e lembrou que nesta plataforma inscribiranse todas as instalacións deportivas de uso público da Comunidade Autónoma. Posteriormente, os datos que figuren no RIDEGA utilizaranse para confeccionar o Plan de Instalacións Deportivas de Galicia. O pasado 16 de xaneiro, o Consello da Xunta aprobaba o acordo polo que se encomendaba á Secretaría Xeral para o Deporte a creación e custodia do Rexistro así como a redacción do Plan Xeral de Instalacións e Equipamentos Deportivos de Galicia.

O RIDEGA achegará a información das funcións de planificación, fomento e xestión de instalacións deportivas, e de apoio para o exercicio das demais competencias que, en materia deportiva, son atribuídas ás Administracións Públicas galegas. Asemade tamén servirá de fonte de información e de fomento da actividade deportiva para os suxeitos privados e as organizacións representativas de intereses colectivos interesados no deporte, e das persoas usuarias.

No que respecta á FEGAMP, o secretario xeral solicitou a colaboración das entidades locais de Galicia e das entidades do sector público autonómico no “traballo intenso e coordinado” do rexistro da información do RIDEGA. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte cederá ás entidades locais galegas os datos do RIDEGA, correspondentes ás instalacións situadas no seu ámbito territorial de actuación, para o exercicio das súas competencias en materia deportiva e de promoción da vida activa.

Imaxes relacionadas