O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe nunha xuntanza por videoconferencia con representantes de Adif e do Concello da Coruña

A Xunta lamenta que o Ministerio de Transportes retrase agora ata 2021 a licitación das obras da estación intermodal da Coruña anunciada hai case un ano

Os representantes de Adif trasladaron hoxe a necesidade de actualizar o proxecto construtivo da terminal ferroviaria, que non poderá estar rematado ata comezos do vindeiro ano

Adif comunica agora este imprevisto despois de gardar silencio durante case un ano sobre os motivos do retraso da licitación

A Xunta mantén o seu obxectivo de licitar antes de que remate 2020 as obras de construción da nova estación de autobuses, incluíndo o aparcadoiro

O Goberno galego, o Concello e o Adif abordaron hoxe as cuestións pendentes do acordo de colaboración para o impulso conxunto do complexo intermodal, que agardan poder pechar definitivamente en próximas datas

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

A Xunta lamenta que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana retrase agora ata 2021 a previsión de licitación das obras da reforma ferroviaria previstas para o desenvolvemento da estación intermodal da Coruña. Esta comunicación prodúcese case un ano despois de que o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anunciase en xuño de 2019 a licitación as obras de remodelación ferroviaria por importe de 48,5 millóns de euros.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe nunha xuntanza por videoconferencia con representantes de Adif e do Concello da Coruña para abordar o desenvolvemento conxunto da estación intermodal da cidade. Nese encontro, Adif informou da necesidade de acometer una actualización do proxecto construtivo das obras da terminal ferroviaria, que non poderá estar rematada ata comezos do vindeiro ano.

Adif comunica agora este imprevisto despois de gardar silencio durante case un ano sobre os motivos que estaban a causar un retraso tan prolongado na licitación anunciada.

Na xuntanza, as tres administracións abordaron as cuestións pendentes do acordo de colaboración para o impulso conxunto da estación intermodal da Coruña, que se agarda poder pechar definitivamente en próximas datas.

A Xunta de Galicia, pola súa banda, mantén o obxectivo de licitar antes de que remate este ano 2020 as obras de construción da nova estación de autobuses, incluíndo o aparcadoiro.

O Goberno autonómico está a ultimar o proxecto construtivo desa infraestrutura e iniciou a súa tramitación urbanística, ao abeiro da Lei 3/2016 da Xunta de Galicia, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese. Este procedemento atópase actualmente paralizado pola suspensión de procedementos administrativos derivada da declaración do estado de alarma.

A Xunta de Galicia xa trasladou de forma reiterada ao Goberno de España a necesidade de actuar para acabar coa paralización dos trámites administrativos e evitar desa forma atrasos considerables en obras públicas e privadas que poden agravar as consecuencias económicas da crise do COVID-19.

Imaxes relacionadas