A Xunta destinou 300.000 euros a promover o emprego de 37 traballadores con discapacidade ou en risco de exclusión social en Lugo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que unha trintena de empresas da provincia recibiron as achegas por ofrecerlles contrato, formación ou apoio no posto de traballo

Lugo, 12 de maio de 2020

A Xunta de Galicia destinou preto de 300.000 euros a promover a inclusión laboral de 37 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social da provincia de Lugo.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que foron en concreto 299.084 euros distribuídos entre 29 empresas lucenses que no último exercicio se adheriron a este programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ao respecto, subliñou que permanece aberta unha nova convocatoria para que se poidan incorporar solicitudes en calquera momento ata o 30 de setembro. Deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta convocatoria está dirixida a autónomos e empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, e establece tres tipos de bonos compatibles entre si, destinados á contratación, formación e apoio no desenvolvemento do posto de traballo. O obxectivo, sinalou Balseiro, “é avanzar na cohesión social e na igualdade de oportunidades das persoas que teñen máis dificultades para integrarse no mercado laboral”.

Tipos de bonos

Este programa inclúe tres tipos de axudas, con diferentes supostos e contías en cada caso. Así, o bono de contratación incentiva a contratación indefinida inicial, a temporal cunha duración mínima inicial de 3 meses e a transformación de contratos temporais en indefinidos a tempo completo ou a tempo parcial das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

As contías oscilan entre os 2.000 euros por cada contratación temporal cunha duración inicial mínima de 3 meses e os 16.000 euros de axuda polas contratacións indefinidas iniciais. Poden incrementarse nun 25% se concorren diferentes supostos, acumulables entre si, como que o contrato recaia en persoas maiores de 45 anos, mulleres, emigrantes retornados, ou que o centro de traballo estea situado nun concello rural, entre outros.

O bono de formación está orientado a mellorar os coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo. Incentívase con 2.000 euros por cada persoa contratada cun contrato temporal inicial mínimo de 6 meses e 4.000 euros por cada persoa cun contrato indefinido inicial.


Por último, o bono de emprego con apoio proporciona axudas para financiar os custos laborais e de Seguridade Social cando sexa precisa a contratación de preparadores laborais que leven a cabo tarefas de asesoramento, acompañamento ou seguimento no desenvolvemento do posto de traballo.

Imaxes relacionadas