A Xunta reforza o equipo de intervención de Seaga encargado da encomenda da retirada de niños de vespa velutina

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións en Pontevedra da empresa pública

As actuacións enmárcanse no Plan de loita contra vespa velutina posto en marcha en colaboración coa Fegamp e ao que están adheridos 278 concellos, o que supón o 90% dos municipios galegos

Nos catro meses en funcionamento do plan atendéronse máis de 2.000 avisos

A Xunta mantivo a atención aos avisos e o servizo durante o confinamento derivado do Estado de Alarma polo coronavirus

Alfonso Rueda insta aos cidadáns a informar ao 012 cando detecten a presenza dun niño desta especie debido ao seu aumento nesta época do ano

Pontevedra, 12 de maio de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de que os cidadáns continúen chamando ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía -012- para avisar da presenza de niños de vespa velutina, agora que nesta época do ano comezan a aumentar. Así o destacou hoxe na súa visita ás instalacións de Seaga en Pontevedra, onde anunciou que a próxima semana se reforzará o equipo que está a retirar e destruír os niños desta especie desde comezos de ano por encomenda da Xunta ata completar o número de efectivos previsto.

Na súa visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que o novo persoal unirase ao equipo de intervención tras recibir a formación específica e contará cos medios necesarios para realizar o traballo con tódalas garantías de seguridade. Deste xeito, contarán con novos equipamentos para ser máis eficientes como marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas máis lixeiras e bombas de batería para a impulsión de biocida.

Alfonso Rueda tamén fixo balance dos catro meses que leva en funcionamento o Plan de loita contra a vespa velutina acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ao que xa están adheridos 278 concellos, o que supón o 90% dos municipios galegos. Nesta liña, destacou que o Goberno galego ofrece “unha atención profesional con equipos ben preparados que contan cos medios necesarios para facer fronte ao que se converteu nun problema en Galicia e ao que a Xunta dou unha solución centralizada e coordinada cos concellos”.

Desde que se puxo en marcha este programa o pasado 20 de xaneiro, os efectivos de Seaga atenderon máis de 2.100 avisos. Dous terzos das comunicacións concentráronse nas provincias da Coruña e Pontevedra, con 840 e 652 avisos respectivamente. Desde o comezo da encomenda, recibíronse de media 17 avisos por xornada.

En case 500 niños procedeuse á súa retirada ou neutralización e na maioría deles nun prazo de menos de cinco días hábiles, ao estar situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles. Ademais, o equipo sinaliza os niños inactivos cunha pegatina na que se indica a data da visita.

Por outra parte, desde o pasado febreiro infórmase por SMS do estado dos avisos ás persoas que comunicaron da súa presenza. Desta forma, contáctase co comunicante para planificar a visita do persoal de campo que, á súa vez, despois de acudir ao lugar do aviso, informa do estado da actuación.

Debido á importancia deste servizo, a Xunta mantivo a atención dos avisos para a retirada de niños no teléfono 012 durante o Estado de Alarma polo coronavirus. Aínda que o volume de chamadas descendeu debido ao confinamento, o Goberno galego continuou cos traballos durante este período garantindo a protección e a seguridade dos efectivos de Seaga. Por iso, Alfonso Rueda insistiu na necesidade de que os cidadáns a partir de agora informen cada vez que localicen un destes niños.

O plan, de loita contra a vespa velutina dotado con 2,3 millóns de euros de fondos propios da Xunta e do Fondo de Cooperación Local, ofrece unha resposta eficaz de forma homoxénea en todas as zonas afectadas da comunidade.

Imaxes relacionadas