Un total de doce empresas presentan as súas ofertas para a execución das obras de mellora da rúa Marcelo Macías, en Ourense, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros

Esta actuación dispón dun prazo de execución de 12 meses e o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é poder iniciala a finais de verán

Actuarase nun tramo de 1,3 quilómetros para acometer a renovación do firme e a mellora das beirarrúas

Realizaranse traballos de mantemento do viaduto no río Barbaña, dotándoo de iluminación singular e renovaranse as redes de abastecemento e saneamento

Reforzarase a seguridade viaria con pasos de peóns con iluminación específica

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

Un total de doce empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de acondicionamento da rúa Marcelo Macías, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros.

Esta actuación dispón dun prazo de execución de 12 meses e o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é poder iniciar as obras a finais de verán.

Os traballos na rúa Marcelo Macías consistirán na renovación do firme e dos servizos, así como na mellora das beirarrúas ao longo de 1,3 km.

A intervención aproveitarase para facer labores de mantemento no viaduto sobre o río Barbaña, que se dotará de iluminación singular e traballarase na accesibilidade peonil. Tamén, no referente aos servizos, renovaranse as redes de abastecemento, saneamento e alumeado.

A actuación tamén inclúe o reforzo da seguridade viaria con pasos de peóns con iluminación específica.

Todas estas renovacións de servizos supoñen un incremento do custo de proxecto inicial, polo que se fixo necesario un compromiso de cofinanciamento do 30% por parte do Concello de Ourense nesta actuación.