A Xunta ve na conciliación, o teletraballo e a formación a fórmula para compatibilizar a competitividade empresarial coas novas condicións de produción que fixa o contexto actual

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nun encontro telemático do programa Mulleres Protagonistas

Destaca que neste novo contexto sociolaboral marcado pola crise sanitaria do Covid-19 a voz das mulleres é imprescindible para consolidar a igualdade

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá nun novo encontro do programa Mulleres Protagonistas que se celebrou vía telemática con directivas e enxeñeiras galegas. Conde trasladou a aposta da Xunta pola conciliación, o teletraballo e a formación como a mellor fórmula para compatibilizar a rendibilidade e a competitividade das empresas coas novas condicións de produción e traballo derivadas da crise do Covid-19.

Mulleres Protagonistas é un programa que naceu co obxectivo de reivindicar o papel crucial da muller no eido laboral e empresarial e, nesta ocasión, centrouse en avaliar as necesidades que esta crise plantexa ao colectivo feminino en activo en Galicia e nas medidas que se poderían poñer en marcha para darlles resposta.

Neste sentido, Conde insistiu en que a reactivación económica ten que afrontarse escoitando a todos os actores implicados e que a voz das mulleres é imprescindible para consolidar a igualdade en todos os cambios que se están producindo e que se producirán, evitando así que a crise sanitaria se converta nunha crise sociolaboral: “O liderado e o papel das mulleres será imprescindible neste proceso”, asegurou o conselleiro, ao tempo que explicou que a Xunta vai seguir impulsando plans de formación e dixitalización, ademais de iniciativas que faciliten a conciliación e fomenten o teletraballo.

Así, xunto ás medidas que o Goberno galego está activando para apoiar a liquidez de empresas e familias, protocolos de prevención sanitaria e plans de reactivación económica, Conde destacou a necesidade de seguir sumando iniciativas de apoio á igualdade.

Imaxes relacionadas