A Xunta retoma a execución de preto de 30 obras públicas en todas as comarcas da provincia, que supoñen un investimento duns 138 millóns de euros

En todos os casos téñense que cumprir de forma estrita as medidas sanitarias ante a epidemia de coronavirus para garantir a saúde dos traballadores

Retomouse a actividade en obras como a Vía Ártabra, a primeira fase do novo Hospital de Ferrol, a estación intermodal de Santiago, a depuradora de Rianxo ou a senda peoníl de Laxe

A Xunta retomou a tramitación doutras 11 obras que estaban licitadas ou pendentes de licitar, cun investimento de máis de 7,2 millóns de euros na provincia

A Coruña, 12 de maio de 2020

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo esta mañá un encontro por vídeo conferencia coa directiva da Asociación de Empresarios de la Construcción da Coruña, para informar das obras retomadas na provincia e para escoitar as súas propostas e necesidades.

No encontro informou que Xunta vén de retomar a execución nos últimos días 30 obras públicas na provincia da Coruña, que supoñen un investimento este ano de algo máis de 138 millóns de euros.

É foi unha das primeiras decisións da Xunta no inicio da desescalada para garantir a prestación dos servizos públicos e o funcionamento da economía dentro das restricións vixentes. En todos os casos, débense cumprir de forma estrita as medidas e recomendacións sanitarias ante a epidemia de coronavirus para garantir a saúde dos traballadores.

Así, estas semanas retomáronse os traballos en obras de relevancia en todas as comarcas na da Coruña retomáronse obras como a Vía Ártabra (23,1M€), os accesos a Morás (3,3M€) ou o centro Amizar (6,8M€).

Na área de Santiago, están en execución todas as obras relacionadas co Xacobeo 2021, cun investimento de 8,3M€ ou a Intermodal cunhas achegas de 15,2M€.

Na comarca de Ferrol ademais das obras da 1ª fase do hospital de Ferrol con 49,3M€, están en execución o centro de saúde de Narón con 5,5M€ ou o saneamento de A Malata con 4,3M€.

Na área de Costa da Morte os investimentos máis importantes que se retomaron foron a senda peoníl de Laxe con 224.000€ e a humanización da AC-418 de Malpica con 443.000€.

Finalmente, na área do Barbanza destacan as obras de ampliación da Edar de Rianxo con 8,9M€ e a renovación de beirarrúas en Ribeira con 249.000 euros.

Tamén se retomaron obras de seguridade viaria e reforzos de firme, ampliacións e melloras dos nosos portos e obras en centros ocupacionais. Tamén outras actuacións de rehabilitación de vivendas, obras en polígonos industriais, humanizacións ou conservación da natureza.

Ademais destas obras, que estaban en execución antes do inicio do Estado de Alarma e que agora se retoman, a Xunta tamén vai continuar a tramitación doutras 11 obras que estaban licitadas ou pendentes de licitar e que suporán un investimento de máis de 7,2 millóns de euros. Pódese continuar en tanto foron consideradas esenciais por parte do Consello da Xunta

En total, as que estaban en execución máis as que se continuarán por ser consideradas esenciais, suman 41 obras que supoñen un investimento aproximado de 145 millóns de euros.

Con estas medidas, a Xunta está a emprender as accións necesarias para manter a actividade da Administración autonómica durante as restricións do Estado de Alarma pola epidemia de coronavirus co obxectivo de conseguir un correcto funcionamento dos servizos esenciais e estar en condicións de retomar a actividade coa maior axilidade posible en canto se levanten as limitacións actuais.

 

TIPO REACTIVACIÓN
IMPORTE

30 Actuacións en execución reactivadas

138.939.138,80 €

11 Actuacións nas que se retoma a tramitación

7.278.851,24 €
TOTAL

146.217.990,04 €


 

Imaxes relacionadas