Un total de dezasete empresas presentan a súas ofertas para executar as obras de mellora do firme en varias estradas autonómicas nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Betanzos

Esta actuación, cun investimento autonómico de máis de 1,1 millóns de euros, conta cun prazo de execución de 5 meses

Melloraranse as condicións de circulación nas estradas AC-231 e AC-840 ao seu paso polos concellos de Aranga, Curtis, Sobrado, Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar e Boimorto

Os traballos consistirán na rehabilitación da capa de rodadura para prolongar a vida útil do pavimento destas estradas, a limpeza de cunetas e a reposición da sinalización horizontal e vertical

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020

Un total de dezasete empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme en varias estradas de titularidade autonómica nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Betanzos.
As obras, cun investimento autonómico de máis de 1,1 millón de euros, teñen un prazo de execución de 5 meses, a contar desde a formalización do contrato.
Esta actuación ten por obxecto a mellora das condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica AC-231, ao seu paso polos municipios de Aranga, Curtis e Sobrado, e na estrada AC-840, ao seu paso polos concellos de Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar e Boimorto.
Máis en concreto, o contrato recolle a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición do firme existente con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades.
Así mesmo, prevese a limpeza de cunetas e a reposición de sinalización horizontal. Tamén se inclúen pequenas partidas de sinalización vertical, cunetas e barreira de seguridade.