A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-133, entre Franza e Rilo, no concello de Mugardos

Construirase unha senda paralela a esta vía, de 2,5 metros de ancho, que se estenderá pola súa marxe dereita, do punto quilométrico 7+200 ao 8+550, e pola esquerda, desde o punto 9+820 ao 9+910

A intervención conta cun orzamento estimado superior aos 465.000 euros e atende ás principais suxestións presentadas ao proxecto inicial

A actuación incorpora a prolongación dos novos tramos co itinerario de peóns existente na glorieta situada no punto quilométrico 8+550, que disporá de novos pasos de peóns, e compleméntase coa ampliación do paso peonil no punto 9+900
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do expediente de información pública e o proxecto de construción dunha senda na estrada autonómica AC-133, entre Franza e Rilo, no concello de Mugardos.

Trátase da construción dunha senda de 2,5 metros de ancho para uso de ciclistas non deportivos e peóns paralela a esta estrada autonómica: pola marxe dereita, desde o punto quilométrico 7+200 ao 8+550; e pola marxe esquerda, desde o punto 9+820 ao 9+910.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse esta información: https://cutt.ly/Gybn1y3
O orzamento estimado desta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade supera os 465.000 euros, tras incorporar o presente proxecto varias das alegacións e suxestións presentadas ao mesmo.

No deseño do proxecto dos novos itinerarios prevese a diferenciación de pavimento en función de se a senda percorre terreo máis urbanizado ou rústico e na súa execución tense en conta os elementos existentes na súa contorna, como peches de terreos edificados, poste de liñas eléctricas de media tensión e rede de drenaxe existente.

A intervención compleméntase coa ampliación do paso peonil no entorno do punto quilométrico 9+900 para solucionar o estreitamento na actual beirarrúa existente.
Con respecto ás melloras que incorpora o proxecto aprobado, cabe destacar a prolongación dos itinerarios peonís ata entroncar co seguinte itinerario de peóns existente no entorno da glorieta situada no punto quilométrico 8+550 da AC-133, dispoñendo novos pasos de peóns coa correspondente sinalización.

Tamén se reformará a pendente lonxitudinal da senda á altura do punto quilométrico 7+760, co fin de que teña unha pendente máxima do 6%.


Finalmente inclúese no proxecto a reposición dun treito de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910.
As obras, impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, buscan fomentar a mobilidade sostible e contribuirán a desenvolver na contorna unha rede de vías de mobilidade non motorizada e alternativa ao vehículo privado, coas importantes melloras ambientais que supón.

O novo itinerario forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca de Ferrol co que a Xunta promove a construción de sendas seguras, sustentables e integradas na paisaxe. A execución destas actuacións está cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020.