O Centro Galego de Tecnificación Deportiva reabre as súas portas mañá seguindo o protocolo básico de actuación elaborado pola Xunta

Tamén volverán a funcionar o Centro Galego de Vela e o complexo náutico David Cal de Verducido

Nesta primeira fase de desescalada o obxectivo será a recuperación dos adestramentos. A práctica deportiva será individual, sen contacto físico e mantendo sempre as distancias mínimas de dous metros

O seguimento médico dos deportistas realizarase desde o propio centro realizando un exame médico deportivo inicial onde se reflicta a saúde do deportista ao longo do ano 2020 orientado particularmente cara á identificación de signos, síntomas, efectos ou secuelas do virus Covid-19

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2020-

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva reabre as súas portas mañá seguindo un protocolo básico de actuación elaborado pola Xunta e que será plenamente vinculante sen prexuízo das normas que se publique por parte da autoridade competente durante o transcurso da pandemia. Do mesmo xeito, e seguindo as mesmas normas, tamén volverán a funcionar o Centro Galego de Vela e o complexo náutico David Cal de Verducido. Nesta primeira fase da desescalada o obxectivo será a recuperación dos adestramentos. A práctica deportiva será individual, sen contacto físico e mantendo sempre as distancias mínimas de dous metros.

Os deportistas que poderán utilizar as instalacións, por orde de preferencia, serán os deportistas de alto nivel (DAN), bolseiros do CGTD, deportistas galegos de alto nivel (DGAN) e deportistas de alto rendemento e deportistas recoñecidos de interese nacional polo CSD. O seguimento médico dos deportistas realizarase desde o propio centro realizando un exame médico deportivo inicial onde se reflicta a saúde do deportista ao longo do ano 2020 orientado particularmente cara á identificación de signos, síntomas, efectos ou secuelas do virus Covid-19.

En caso de detección dun positivo por Covid-19 no grupo de adestramento, dentro do persoal, o corpo técnico ou traballadores membros da concentración, deberase illar inmediatamente ao positivo nun lugar apartado da concentración; realizar a proba de Covid-19 a todo o grupo de adestramento así como ao diferente corpo técnico ou persoal co que puidese ter contacto, quedando estes apartados ata a obtención dos resultados; procederase á limpeza e desinfección das instalacións e recomendarase a realización de controles médicos diarios.

Utilización das instalacións

A prioridade de uso será das instalacións específicas da modalidade deportiva, e que non se poidan realizar fóra das instalacións propias do CGTD. Únicamente poderá acceder cos deportistas un adestrador no caso que resulte necesario, circunstancia que deberá acreditar debidamente. Poderase permitir un acompañante a deportistas con discapacidade ou menores que requiran a súa presenza.

Os días de uso serán de luns a venres de 8,00 horas a 22,00 horas e os sábados de 9,00 a 22,00 horas. Para o tempo de utilización das instalacións estableceranse quendas de adestramento, que serán notificadas aos interesados cunha duración máxima de 2 horas e media. Os espazos dispoñibles serán os hangares de piragüismo e remo, sala de loita, sala de ergómetros, sala de judo, sala de kárate, sala de taekwondo, piscina, pavillón polideportivo, pista de atletismo, ximnasio, aseo acceso edificio principal e aseo do edificio multiusos. O resto de espazos non estarán dispoñibles. Poderán facerse reunións técnicas de traballo (visionado de videos) cun máximo de dez participantes, e sempre gardando a correspondente distancia de seguridade e o uso de medidas de protección necesarias. No protocolo básico de actuación subido no portal do Deporte Galego establécense as medidas levadas a cabo previas á apertura do centro así como as medidas que deben realizar os usuarios para cada espazo dispoñible.

Para acceder ás instalacións requírese a presentación da solicitude segundo o modelo dispoñible na páxina web do Deporte Galego a cgtd@xunta.gal e a aprobación por parte da Secretaría Xeral para o Deporte a través do coordinador do centro.

Imaxes relacionadas