A Secretaría Xeral para o Deporte habilita que as federacións adquiran o material sanitario necesario con cargo ao convenio para a reactivación da actividade deportiva

Novas reunións esta semana coas federacións de de golf, actividades subacuáticas, remo, natación e taekwondo, así como cos clubs de baloncesto e de balonmán de Galicia

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2020

A Secretaría Xeral para o Deporte continua coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo. Esta semana foi a quenda das federacións deportivas galegas de golf, actividades subacuáticas, remo, natación e taekwondo. Ademais tamén se mantiveron encontros cos cos clubs de baloncesto galegos das Ligas LEB Ouro, EBA, LF1 e LF2 así como cos clubs de balonmán galegos de Asobal, Prata e 1ª Nacional masculinos e de Honra e Honra Prata femininos. Con todas elas, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, traballou na elaboración do Plan de Reactivación do Deporte Galego para planificar o futuro da actividade física e o deporte en Galicia e incidiu no protocolo para a apertura do Centro Galego de Tecnificación Deportiva na vindeira semana. Como novidade cómpre destacar que a Xunta de Galicia habilita a posibilidade para que, no marco do convenio de colaboración, as federacións adquiran material sanitario non inventariable (luvas, máscaras, xeles...) necesarios para la reactivación da actividade deportiva.

Precisamente, federacións e Xunta analizaron o estado do convenio de colaboración asinado entre os dous entes para realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade. A día de hoxe, o 81,12% dos 4.277.683 euros destinados aos convenios coas federacións xa foi executado. Un total de 30 federacións xa percibiron o 100% do importe do convenio e 54 das 58 (93%) xa recibiron algún pagamento, grazas a tramitación de xeito anticipado polo Consello da Xunta no pasado mes de decembro. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, trasladoulles que “a actividade non poderá reiniciarse ata que existan garantías absolutas de seguridade e hixiene e non se poidan producir contaxios”. En todo caso recórdase a todas as federacións que a actividade 6/16 escolar e federativa non será retomada ata o vindeiro mes de setembro, sempre e cando o permita a situación.

Federación Galega de Golf

Co presidente da Federación Galega de Golf, Mario Covelo, analizouse a súa situación económico- financeira, o sistema de competición e o seu plan de reactivación. Cómpre salientar que desde a federación xa se dotou aos vinte campos de Galicia do material sanitario necesario para minimizar os riscos de contaxio (pantallas, expendedores, luvas, termómetros, almofadas para os foxos, 16.000 toalliñas individuais, expendedores fotoeléctricos de hidroalcohol...).

Federación Galega de Actividades Subacuáticas

Lete Lasa e o presidente da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, Javier Núñez, analizaron a situación económica, deportiva e competitiva así como se avanzou no plan de reactivación e volta á normalidade que é o que máis preocupa nestes momentos. Neste sentido analizouse a resolución do CECOP do 5 de maio interpretativa das distintas ordes ministeriais con relación á pesca marítima e a navegación de recreo. A federación traballa nun protocolo que remitirá á Secretaría Xeral.

Federación Galega de Remo

Xunta e federación traballan xa nun protocolo para a volta da actividade. O presidente da federación, José Manuel Seijas baralla tres escenarios posibles con tres datas para a volta da competición. O secretario xeral insistiu que tan só se realizará se se cumpren todas as garantías.

Federación Galega de Natación

Lete Lasa informou ao presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, dos traballos realizados e do protocolo para a pronta reapertura do CGTDsegundo as condicións da fase de alarma. Xunta e federación avanzaron no protocolo de volta á normalidade para o Plan de reactivación do deporte galego. Ademais analizouse o futuro do sector, nomeadamente no que atinxe á situación de uso das instalacións e medidas de seguridade.

Federación Galega de Taekwondo

A reunión co presidente da federación, Juan Carlos Eiriz, estivo centrada na súia situación económica e no desenvolvemento do plan de continxencias. A propia federación traballa nun protocolo de desescalada que remitirá á Secretaría Xeral.

Clubs baloncesto

Cos clubs de baloncesto galegos das Ligas LEB Ouro, EBA, LF1 e LF2 analizouse a situación actual e o papel que pode xogar a Secretaría Xeral para o Deporte na desescalada. Lete Lasa lembrou que a Secretaría Xeral para o Deporte solicitou información ao CSD o pasado 17 de marzo sobre a finalización das competicións sen obter resposta ata o martes 5 de maio a través dunha resolución do CSD sobre “recomendacións” neste aspecto. Agora serán as Comisións Delegadas das federacións deben tomar as decisións. Ademais avanzouse nunha análise co obxectivo de incluír aos clubs de EBA no Plan de Patrocinios da tempada 2020/2021. Desde a federación indícase que se está a preparar un Plan de Reactivación de cada modalidade e infórmase das dificultades que atravesan os clubs, moitos deles suxeitos a ERTEs.

Clubs balonmán

Cos clubs de balonmán galegos de Asobal, Prata e 1ª Nacional masculinos e de Honra e Honra Prata femininos avanzouse no Plan de Continxencias, reactivación e volta a normalidade. Lete Lasa informou do estado de tramitación do Plan de patrocinio e no estudo da integración dos clubs de Primeira Nacional no devandito plan dado que teñen que viaxar ás Illas Canarias ata en catro ocasións. Do mesmo xeito informouse do estado de tramitación das dúas convocatorias de actividade e equipamento, coas que se continúa segundo o previsto.

O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).

Imaxes relacionadas